Tristura polo pasamento de Emilio Cao, esa voz acompañada pola arpa

01 de xuño 2025

A música de Emilio Cao acompañoume durante moitos anos, incluso antes de saber que esa música era de Emilio Cao

O pasado luns 26, enterámonos moitos do falecemento de Emilio Cao no Hospital Clínico de Santiago o día anterior. Para os vellos folkies galegos, supuxo un pau a perda deste gran referente e, en cuestións de horas, xente do mundo da música folk facía eco nas súas redes sociais desta morte. A música de Emilio Cao acompañoume durante moitos anos, incluso antes de saber que esa música era de Emilio Cao. Emilio Cao contaba que era baixista dun grupo de rock, e que un día, tras saír dun bolo e cos cartos no peto, viu un arpa celta nun escaparate compostelán. Emilio non dubidou en mercala e comezou a experimentar nela, converténdose no Alan Stivell galego. No ano 1977, grava o seu primeiro disco dentro do mundo folk, "Fonte do Araño", contando cun amplo elenco de figuras dentro daquel mundillo musical, que non dubidaron en sumar a súa achega para un disco que se converteu nun fito da música galega. Entre aquela xente, estaban nada menos que Antón Seoane e Xosé Vicente Ferreirós, membros fundadores de Milladoiro. A primeira pista deste disco, homónima, conta cunha gaita (Ferreirós), cuxos sons sempre fixeron que se me puxeran os pelos de punta, mentres a arpa de Cao fai arpexios e de fondo soa o soprar dun furioso vento. Este disco téñoo en casete, nunca foi reeditado en CD, unha mágoa. Como tampouco nunca o foi o seu segundo traballo, de 1979, "Lenda da pedra do destiño".

Pero de toda a súa discografía, o tema que sempre me acompañou (de feito escoitoo para durmir todas as noites), é o Vals do mencer, do seu disco "Amiga alba e delgada" (1986). Este fermoso vals, con predominancia da súa arpa acompañada por un teclado (Luis Delgado), é unha composición que fixo o propio Emilio Cao para unha obra de teatro. Esta peza xa estaba comigo antes de saber que o seu compositor e intérprete era Emilio Cao. Este vals lévame a cando tiña catorce ou quince anos, e estudaba oitavo de EXB no pontevedrés colexio Froebel. Daquela, tiña como profesor a un dos mellores profesores que tiven na miña EXB, Don Eloi, xa falecido hai uns anos. Teño gratos recordos de Don Eloi, que os venres, en troques de literatura galega, dábanos clase de historia galega. Lembro como nos obrigara a aprendermos de memoria a letra do himno galego para o festival do Día das Letras Galegas. En determinado momento, Don Eloi levantouse facendo aspaventos: era o sinal de que tiñamos que erguernos para cantar o himno. Cada vez que canto o noso himno, lémbrome de Don Eloi. Anos despois, a mediados dos 90, cando escoitei por primeira vez a Emilio Cao, na Praza da Ferraría durante as Festas da Peregrina, foi cando me enterei de que aquel vals era de Emilio Cao. Cando me enterei de quen era aquel tema que me perseguira durante anos, e cando o escoitei en directo por primeira vez (logo chegarían outras) chorei da emoción. Aquel Vals do mencer, ás veces o puñan na televisión, cando había unha desconexión territorial, acompañado por imaxes de pobos galegos. Eu o tiña gravado en VHS, en concreto saía O Carballiño. Así coñecín a Emilio Cao.

Sería moi extenso tratar polo miúdo toda a discografía de Emilio Cao. Pero recomendo escoitar O cartafol do vento de "Cartas mariñas" (1992), cun poema de Manuel María como letra, e Nace o día, de "Simbad en Galicia" (1996), con voz de Susana R. Varela (xuntos actuaran no "Teatro Principal" nun memorable concerto). Realmente temas fermosos e que forman parte da nosa memoria histórica como pobo.

Hai anos, buscando un profesor de arpa, nun comercio de instrumentos musicais compostelán hoxe desaparecido, non sei se o mesmo onde Emilio viu a súa arpa, déranme unha tarxeta co número de Emilio Cao. Nunca o chegaría a chamar, xa que daquela xa estaba en clases de gaita e violín e non tiña medios para facerme con este novo instrumento. Tempo despois, como gaiteiro, compartín cartel con el nunha máxica noite de San Xoán en Poio (precisamente un dos seus temas do primeiro disco chámase Noite de San Xoán) ao calor das cacharelas. Fóramos todos, os do meu grupo (Os Alegres) e os del a cear xuntos. Deu a casualidade que o tiña en fronte. Para min, Emilio Cao era un ídolo. En toda a noite fun incapaz de dirixirlle unha soa verba, estaba como pasmado vendo para el. Logo me arrepentín daquel silencio, e dicíame: tiña que terlle dito "Emilio, a túa música leva anos acompañándome". Este pasado luns, tras enterarme do pasamento de Emilio Cao, decidín escribir estas verbas sobre este gran home que cubriu coa súa presenza, a súa arpa e a súa voz, os mellores intres da música galega. Temas como A pandeirada de Nebra, Chegando ao Courel, Noite de San Xoán e a súa versión de Unha noite na aire do trigo, eses versos de Curros Enríquez musicados polo José Castro González "Chané", No campo da festa, Mentres ela fía e sobre todo, ese Vals do mencer, sempre estarán na conciencia musical galega, e no meu maxín, identificados cos meus anos máis felices. Creo lembrar que era descendente de Pascual Veiga, o que puxo música ao noso himno.

Emilio Cao na portada do disco 'Sinbad en Galicia'
Emilio Cao na portada do disco 'Sinbad en Galicia'. Do Fol Edicións