Cara a cara #700. Marta Dahlgren con 'Diario do paraíso'

Cara a cara
11 de abril 2026
'Diario do paraíso' é a primeira novela de Marta Dahlgren

'Diario do paraíso' é o debut como novelista de Marta Dahlgren. Sueca de orixe, con nacionalidade española desde 1964, dedicou boa parte da súa vida profesional á docencia e á tradución.

A autora sinala que se trata dunha ficción aínda que estea inspirada na biografía dunha parella que decidiu asentarse no Pazo do Cadro de San Tomé de Piñeiro, en Marín. A xornalista sueca Christina Lilliestierna e o seu marido Jean Novial.

O relato discorre en voz de Iria que 'ten dezaseis anos cando comeza a traballar nun pazo decadente e inabarcable, como criada para todo. Ela e o seu irmán, que é o xardineiro, traballan duro para que os misteriosos dona Ana e don Juan poidan sobrevivir".

Escrita en galego, é "o diario da relación entre todos eles, un diario dun paraíso. Pero os paraísos terreais non duran para sempre".

Dahlgren toma distancia para escribir esta novela contemporánea na que emprazamento e protagonistas non foron alleos á súa propia vida. Para descubrilo, convidamos a escoitar o podcast que PontevedraViva Radio dedicou a Lilliestierna e o Pazo do Cadro.