Todo o equipo de Atención Primaria que traballa en Marín para atender ás mulleres vítimas da violencia machista foron recoñecidas este 25N, día internacional da eliminación da violencia contras as mulleres, polo seu esforzo e compromiso diario.
Recibiron o Premio Lazo Violeta que entrega cada ano o Concello, que quixo poñer en valor aos profesionais que integran a área de Atención Sociocomunitaria, con especial mención aos servizos de enfermería, traballo social e matrona.
"Son unha porta de entrada ás mulleres. Ás súas doenzas, pero tamén ás súas historias", destacou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que subliñou a prevención, o traballo de escoita e a vocación das especialistas que conforman este equipo.
Todos os seus integrantes son "fundamentais" para a detección de condutas que poidan agochar un problema desta índole, axudando ás mulleres na súa saúde e evidenciando os focos de alerta.
Recolleron o premio Teresa del Carmen Gómez Cerqueiro, xefa do servizo de Atención Primaria; Carmen González Periáñez, coordinadora de enfermería; María Dolores Rodríguez García, matrona; e Fátima Crespo de la Torre, fisioterapeuta.
O seu traballo cotiá "serve como exemplo de que todos os sectores, dende a sanidade ata a educación, pasando polas administracións ou as forzas e corpos de seguridade, temos un papel que exercer na loita contra a violencia machista", reiterou a alcaldesa.
"Temos que continuar traballando conxuntamente para loitar contra esta lacra", asegurou Ramallo, que na súa intervención sostivo que o exercicio desta violencia "ten moitas caras".
A alcaldesa reivindicou a necesidade de educar en igualdade nas familias, de sensibilizar a toda a sociedade contra o machismo e, como administración pública, de dotar de recursos de prevención e intervención efectivos contra esta lacra.
As persoas asistentes a este acto institucional recibiron bolsas cunha ilustración realizada por María Lapido, presentando dez corpos de mulleres adaptados a diferentes espazos e as violencias que alí se producen, incidindo nas novas violencias dixitais.
A través desta dixitalización da violencia, engadiu a rexedora, "exércese un control maior sen necesidade de estar presente, provocando unha terrible indefensión nas vítimas, cada vez máis novas".