Non fixo falta chegar á cuestión de confianza. O orzamento municipal de Pontevedra para 2017 foi aprobado. Fíxoo cos únicos votos a favor do BNG e coa abstención dos dous concelleiros de Marea, despois de que o goberno local aceptara as seis emendas que estes formularon 'in voce' no pleno deste venres.
Así, o BNG aceptou que o orzamento incorpore catro iniciativas de Marea. Trátase da elaboración dun estudo sobre as potencialidades da economía social no municipio e que se impulse o seu fomento, a construción dun centro cívico en Lourizán e completar a reforma urbana da rúa Cruz Vermella.
Outras dúas propostas, a creación dunha renda social para persoas en risco de exclusión social, cifrada en 400.000 euros, e o aumento dos recursos destinados ao plan de transporte metropolitano serán incorporadas na primeira modificación de crédito que se realice nestes orzamentos, segundo se comprometeu o edil de Facenda, Raimundo González.
"Esperamos que esta nova actitude do Bloque, descoñecida ata agora, sirva para acordarmos cousas en beneficio dás maiorías", destacou o portavoz de Marea, tras aceptar o BNG as súas emendas. Luís Rei destacou que esta "virada" do goberno en clave social é unha "noticia feliz" e tendeu a man ao BNG para "atoparnos en políticas progresistas".
Esta conclusión chega despois de dúas horas de debate que se iniciaban coa intervención do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para defender a legalidade da súa decisión de trasladar ao pleno só o orzamento presentado polo goberno municipal -sen as emendas da oposición- e vinculalo a unha moción de confianza se non eran aprobados este venres.
Fernández Lores reiterou que o orzamento de 2017 é "excepcional" e que son "os mellores que temos presentado" desde que o BNG ostenta a Alcaldía. Estas contas son "altamente investidoras" e permiten, dixo, potenciar a actividade económica da cidade e seguir desenvolvendo un "exitoso" modelo urbano.
As emendas da oposición configuraban un orzamento "alternativo" que, segundo o alcalde, era "radicalmente antagónico" ao proxecto do BNG
As emendas da oposición configuran un orzamento "alternativo" que, segundo o alcalde, era "radicalmente antagónico" ao proxecto do BNG. Alertou de que supoñería reducir "de forma drástica" as reformas urbanas, obrigaría a "levantar" os lombos, eliminarían a actividade cultural e festiva da cidade, impedirían implantar a compostaxe e limitarían as partidas de promoción económica e social.
Ademais, criticou as "xogarretas e cambadelas" do resto de partidos para impedir que o goberno "goberne", algo que vai "contra o sentido común", retándolles a que presentasen unha moción de censura "aberta e a peito descuberto", unha vez que xa pactaran "o máis difícil" que era un orzamento compartido, que volveu a tachar de "ilegal".
O alcalde concluíu a súa intervención cunha chamada á "sensatez", asegurando que un acordo sería "mellor para todos" e mostrándose disposto a aceptar emendas "ponderadas e sensatas" para evitar acudir a unha moción de confianza "que ningún grupo quere" porque profundaría, dixo, nas "trincheiras" entre o goberno e a oposición.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Este proxecto do BNG xerou a crítica unánime da oposición. Máis aló das cuestións legais que expuxeron PP e PSdeG-PSOE, todos os portavoces coincidiron en sinalar que o orzamento municipal de 2017 non responde as necesidades dos pontevedreses, incluído Luís Rei que na súa primeira intervención advertiu do escaso peso social destas contas.
Así, o portavoz do PP, Jacobo Moreira, lamentou que o BNG "se salte la ley" e presente ao pleno o orzamento "que le da la gana". Tras asegurar que na oposición "no hubo pacto", asegurou que estas contas supoñen unha maior "privatización" dos servizos municipais e criticou que non estean "suficientemente detalladas".
Ademais, Moreira asegurou que "lo que realmente le molestado al alcalde" é que o PP incluíse unha emenda que obrigaba a que calquera transferencia de crédito -incluídos convenios e subvencións- tivese que ser aprobado polo pleno, porque iso poñería fin, dixo, aos "tejemanejes" de Lores: os reparos e os contratos "a dedo".
Máis aló das cuestións legais, toda a oposición coincidiu en sinalar que o orzamento municipal de 2017 non responde as necesidades dos pontevedreses
Desde as filas socialistas, Agustín Fernández recomendou ao alcalde que deixase a un carón as supostas "conspiracións" contra o BNG e expresou o seu rexeitamento a unhas contas que "non son as mellores", xa que foron redactadas "de présa", facendo "curta e pega" de anos anteriores e sen contar cun "diagnóstico" das necesidades de Pontevedra.
"Non se pode entender este orzamento dun partido que di ser de esquerdas", engadiu o portavoz socialista, que pediu a retirada destas contas porque "non dá resposta" aos problemas que teñen os pontevedreses.
María Rey, pola súa banda, lamentou que este orzamento centre as súas principais propostas en "pan y circo" como o antigo senado romano e non contemple un plan económico que permita xerar "riqueza" e actividade na cidade. Ademais, a edil de Cidadáns apuntou que as emendas da oposición servían para contar cun orzamento "más consensuado, equilibrado y plural".
ALUSIÓNS A MARTIÑO NORIEGA
A parte final do pleno, unha vez confirmada a abstención de Marea, incluíu varias alusións ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e ao cambio do sentido de voto deste partido, especialmente por parte do PP que chegou a afirmar que "ahora sabemos que quien manda en Pontevedra es el alcalde de Santiago".
Esta alusión, en referencia ás declaracións de Noriega instando a Marea a chegar a un acordo co BNG, levou a Luís Rei a defender a súa independencia con respecto a En Marea, agradecendo a Luís Villares, o seu candidato á Xunta, que se mantivera á marxe deste asunto.
Ademais, o líder de Marea Pontevedra reiterou que cos seus votos "nunca faríamos alcalde a ninguén do PP", nin tampouco votarían como rexedor de Pontevedra a unha persoa que contase o apoio dos populares. Tanto é así que chegou a sinalar que "eu mesmo non aceptaría ser alcalde cos votos do PP".