A asociación de técnicos sanitarios cualifica de "temeridade" a instalación de bolardos fixos en Raíña Vitoria

Pontevedra
24 de setembro 2020

A Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias asegura que non se opón ao corte de circulación, pero denuncia que a instalación de obstáculos fixos non permitirá o paso a ambulancias e vehículos de Bombeiros ata a entrada principal do Instituto Sánchez Cantón

Bolardos instalados na Avenida Raíña Vitoria PontevedraViva

A Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias (ASGATE) emitiu este xoves un comunicado criticando a instalación de bolardos fixos na Avenida Raíña Vitoria de Pontevedra, recentemente cortada ao tráfico rodado para favorecer o espazo de entrada e saída do Instituto Sánchez Cantón.

Desde ASGATE aseguran que non se opoñen ao corte da rúa, pero denuncian a "pouca previsión e temeridade" que supón ao seu xuízo a instalación de elementos fixos.

Estes bolardos, sinalan, impedirían a entrada de vehículos de emerxencia dos bombeiros ou ambulancias ata a entrada principal do instituto, o mellor dos accesos na caso de necesidade ao entender que o da rúa Palamios en ocasións atópase bloqueado por turismos mal aparcados.

Trátase de "outra mostra da pouca sensibilidade e descoñecemento que se ten co tema das posibles emerxencias por parte dos responsables municipais", critica a asociación.

Para eles unha posible solución podería ser a instalación de bolardos hidráulicos cunha cámara que se puidese abrir rapidamente no caso de emerxencia permitindo o paso dos profesionais sen perda de tempo.