A circulación cambia na praza de Barcelos a partir do martes de Semana Santa

Pontevedra
16 de marzo 2016

Permítese o dobre sentido da circulación entre as rúas Vasco da Ponte e San Antoniño. Os aparcadoiros vólvense rotatorios coa intención de dar servizo a máis coches

Situación na que quedará o tráfico na praza de Barcelos Concello de Pontevedra

O martes 22 de marzo, durante a Semana Santa, comezarán as obras na contorna da praza de Barcelos co peche ao tráfico do tramo entre a fachada do colexio e o lateral do recinto do convento de Santa Clara.

Durante a xornada deste mércores 16, operarios de Covsa, a empresa que acomete o proxecto, xa estaban a retirar lastras e está previsto que comece a sinalización para o peche dese tramo da praza.

Na actualidade a praza de Barcelos conta con 112 prazas de estacionamento libre e tres para persoas con mobilidade reducida, segundo os datos da Policía Local. O Concello calcula que o 80% das prazas están ocupadas por residentes e, segundo os datos do Plan de Mobilidade, o 24% dos turismos permanecen estacionados durante toda a xornada. Segundo eses mesmos cálculos só quedan libres 85 prazas con rotación de aparcadoiro nas que calculando que sexan ocupadas catro veces durante unha mesma xornada por distintos vehículos, 340 coches aparcarían ao día na contorna da praza.

Segundo expón o goberno local de Pontevedra, a reordenación de espazos levará a eliminación de 58 prazas. 54 quedarán en réxime de servizos coa posibilidade de estacionar 15 minutos desde as 8 ata as 13.30 e desde as 16.30 ata as 21 horas. O Concello entende que desta forma as rotacións diarias chegarán aos 2.160 vehículos. Crearanse aparcadoiros específicos para motocicletas. Tamén está previsto aplicar a zona de Servizos en Benito Corbal, no tramo entre Sagasta e a nova praza do Hospital Provincial.

A obra consistirá na creación dunha plataforma única cun pavimento diferenciado. Xusto ante o colexio instalaranse pivotes para garantir que os vehículos non acceden a esa zona. Tamén, segundo apunta o concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará, proxéctase instalar infraestruturas deportivas que permitan ver esa zona de xogos. A circulación nesta nova zona peonil limitarase a urxencias sanitarias e ao acceso ao garaxe do edificio que linda co colexio de Barcelos.

Arquivado en