Os pontevedreses que estean interesados en contar cunha horta urbana na que plantar os seus produtos ecolóxicos xa teñen a súa oportunidade a través da Federación de Veciños Castelao. A empresa Casas Novas cedeu a este colectivo un terreo de 1000 metros cadrados que a Federación dividiu en 16 parcelas de 40 metros cadrados. Dúas delas quedarán para o uso da ludoteca infantil e para a propia federación veciñal, que a empregará para realizar prácticas e actividades educativas sobre as plantacións, tamén se estuda que outro dos espazos se destine a algunha asociación de axuda a persoas dependentes. O resto de parcelas serán para particulares que o soliciten.
Para poder optar á concesión dun deses terreos é necesario solicitalo a partir deste xoves 16 na Federación de Veciños Castelao (fcastelao@yahoo.es ou nos teléfonos 986.860.999, 690.027.122 e 658.652.494). Terán preferencia aqueles membros das asociacións con máis de 55 anos ou maiores de 45 con nenos en idade escolar. Juan Manuel Loureiro, secretario da Federación, indicou que antes de abrir o prazo xa contan con máis solicitudes que parcelas.
A concesión é polo período dun ano, prorrogable outro máis. Os usuarios non terán que pagar pola parcela e a Federación regalará o aboamento da primeira plantación. Durante ese prazo de tempo, quedará prohibido o uso de fertilizantes químicos, insecticidas ou plaguicidas se non son ecolóxicos para evitar a vertedura de produtos contaminantes á zona do río Gafos.
Verísimo Pazos, presidente de Castelao, apuntou que o obxectivo é que as familias poidan obter algún produto natural que lle axude a aforrar gastos na compra diaria. Ademais, avanzou que teñen ofertas doutros dous terreos particulares, de 3.000 e 7.000 metros cadrados que se converterán en hortas urbanas se esta primeira iniciativa resulta positiva.
Dende a Federación alertan de que só se permitirán os cultivos que non sexan considerados ilegais.