Ás 8.30 horas da mañá deste venres efectivos da Garda Civil e da Policía Local de Poio entraron no poboado chabolista do Vao para practicar unha serie de detencións relacionadas no ataque con pedras e paus a unha patrulla dos axentes municipais.
A continuación os detidos serán trasladados para a súa posta a disposición xudicial.
Lembremos que o pasado luns os residentes no Vao de Arriba responderon a pedradas á Garda Civil cando procedeu a deter a un home por agredir a un axente e, máis tarde, atacaron tamén con pedras, bates e outras ferramentas a unha patrulla da Policía Local, causando feridas a dous axentes.
Xa este pasado mércores despregouse no poboado chabolista un macro control policial con varias decenas de axentes da Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, con apoio da Policía Local de Poio, no que pediron a identificación a todas as persoas que chegaron ao poboado e acompañaron o seu traballo coa presenza dun dron.
De novo na tarde deste xoves, a Garda Civil, en colaboración coa Policía Local de Poio, efectuou un novo control no poboado.