A Illa de Tambo preséntase en Fitur como novo atractivo turístico de Poio

Poio
24 de xaneiro 2024

Ángel Moldes, alcalde de Poio, presentou o municipio na feira do turismo como un destino verde, sostible e visitable durante os 365 días do ano, coa illa como referente histórico, natural e paisaxístico

Alfonso Rueda e Ángel Moldes en Fitur
Alfonso Rueda e Ángel Moldes en Fitur / Concello de Poio

O expositor institucional da Xunta de Galicia que se atopa na Feira Internacional de Turismo Fitur, que se celebra en Madrid, acollía este mércores a presentación da Illa de Tambo, no Concello de Poio, como novo atractivo turístico baixo o lema 'Illa de Tambo, embarcamos!'

Durante o acto ofrecéronse detalles das visitas guiadas que se poderán realizar a Tambo ao longo do ano, tras a súa apertura ao turismo en 2023, despois de que este espazo permanecera pechado durante décadas con motivo da súa utilización militar.

Antonio Casas, xerente de Turismo de Galicia, indicou que a incorporación de Tambo é unha "excelente noticia" para o turismo galego e avanzou que este 2024 será un ano "especialmente importante" para a súa promoción. Durante o evento, destacou o valor patrimonial e natural, ademais da súa importancia estratéxica en relación co turismo do municipio de Poio, da ría de Pontevedra e de Galicia.

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Luis López, presidente da Deputación; e Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra asistían ao acto que se desenvolvía este mércores en Fitur.

Durante a presentación explicábase que as visitas á illa se organizarán en grupos de cincuenta persoas con guías turísticos en dúas quendas de mañá e dúas de tarde durante os venres, sábados e domingos.

Ángel Moldes, alcalde de Poio, realizaba a primeira presentación na feira turística do municipio mostrando Poio como un destino verde, sostible e visitable durante os 365 días do ano, destacando tamén o "inmenso valor" histórico, natural e paisaxístico da illa de Tambo.

O rexedor describiu Poio como un espazo natural, con bosques, sendas, xacementos e diferentes ofertas gastronómicas, deportivas e co Camiño a Santiago pola costa a través da Variante Espiritual. Tamén quixo destacar as vilas mariñeiras de Combarro e Raxó durante a súa intervención.

Moldes acudía con Rocío Cochón, concelleira de Turismo, e  ambos mantiveron encontros de traballo con operadores turísticos dentro da promoción de Poio, que tamén se atopa presente no espazo de Pobos Máxicos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora