Concienciar aos nenos e nenas sobre a importancia de loitar desde pequenos contra a violencia machista e a desigualdade de xénero é o obxectivo da nova intervención artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" que impulsa a Deputación.
Ao redor de 200 nenos e nenas de 8 a 13 anos foron testemuñas da intervención da graffiteira Paula Fraile e o seu traballo 'Indiferenza', realizada este luns no campamento de verán da Lanzada.
A artista pintou un mural nunha das paredes das pistas deportivas do centro vacacional, no que reflicte os momentos de violencia machista que ela viviu en primeira persoa a través de cores que transmitan esperanza. A artista comentou ademais coas nenas e nenos o significado da súa obra e a maneira no que pinta os murais.
"Mírovos a todos e todas vós e creo que vai cambiar todo porque nun futuro seredes persoas formadas que viviredes nunha sociedade máis avanzada e que entenderedes que a igualdade nos fai máis felices a todas e todos", sinalou á súa vez a presidenta provincial, Carmela Silva, presente na Lanzada xunto á deputada de Igualdade Isaura Abelairas.