A Plataforma "O Rural Existe" reclama menos lombos

Pontevedra
01 de xullo 2017

Numerosos veciños das distintas parroquias do rural pontevedrés manifestáronse este sábado en Pontevedra en contra dos coñecidos como "lombos", os resaltos instalados pola Deputación para acougar o tráfico reducindo a velocidade nas vías provinciais

Manifestación da Plataforma "O Rural Existe" PontevedraViva

Numerosos veciños das distintas parroquias do rural pontevedrés manifestáronse este sábado en Pontevedra en contra dos coñecidos como "lombos", os resaltos instalados pola Deputación para acougar o tráfico reducindo a velocidade nas vías provinciais.

A manifestación partiu ao mediodía da praza da Ferrería e que percorreu a rúa Michelena ata concluír fronte á Casa Consistorial.

A mobilización avanzou tras a pancarta co lema "Rural de Pontevedra abandonado. Non ós lombos", e lanzando consignas como "Lores, escoita, ou rural está en loita", ou "Menos premios, máis veciños". Concelleiros do PP e de Cidadáns participaron na protesta.

Nun manifesto lido por José Manuel Pichel, veciño de Santa María de Xeve, esixiuse á Deputación e ao Concello de Pontevedra "a retirada total ou parcial dos resaltos instalados nas estradas das nosas parroquias de forma masificada e sen ningún tipo de consenso cos veciños".

Tamén se esixiu "a reforma integral daquelas estradas que precisan de ensanchado, beiravías e beirarrúas onde sexa posible, sinalización e sen descartar a instalación de medidas alternativas de acougado do tráfico menos intrusivas e máis económicas, pero só onde sexa estritamente necesario, en zonas especialmente sensibles, e sempre de forma consensuada cos veciños".