A rehabilitación da casa consistorial ascenderá finalmente a 1,36 millóns de euros

Pontevedra
15 de novembro 2021

Pontevedra quere arrancar o ano 2023 cunha casa do concello completamente renovada. Ese é o prazo que manexa o goberno municipal para a rehabilitación do histórico inmoble da Praza de España, unha actuación que acaban de sacar a licitación. O custo desta intervención elevarase ata os 1,36 millóns de euros

Visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías á antiga Casa do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Pontevedra quere arrancar o ano 2023 cunha casa do concello completamente renovada. Ese é o prazo que manexa o goberno municipal para a rehabilitación do histórico inmoble da Praza de España, unha actuación que acaban de sacar a licitación.

O custo desta intervención elevarase ata os 1,36 millóns de euros. O aumento, con respecto aos 700.000 euros que figuraban no anteproxecto, débese fundamentalmente ao incremento nos custos de materiais e a man de obra pola crise da covid-19.

Así o explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que detallou a importancia que terá en toda esta actuación o deseño e a calidade dos materiais, pensado para que este "emblema" da cidade luza en todo o seu esplendor.

Por iso, incluirase como mellora o mobiliario e do equipamento da casa do concello que, aproveitando materiais galegos, terá como base a madeira e o aceiro. Conterá elementos deseñados especificamente para este proxecto. Está valorado en 121.000 euros.

"Queremos que sexan materiais de calidade, materiais nobres, mais tamén modernos e creativos, que combinen coa tradición", subliñou Gulías.

En canto á reforma en si, o proxecto de execución apenas presenta cambios. A empresa que consiga este contrato deberá completar a obra nun prazo de doce meses.

O acceso á casa do concello pasará a ser pola Rúa Alhóndiga, por onde se creará un gran vestíbulo de entrada que conectará cun ascensor que solucionará os problemas de accesibilidade e que permitirá aos usuarios chegar ata a súa planta nobre.

Ademais deste vestíbulo, nesta zona habilitaranse aseos accesibles -con zona para ostomizados- e unha sala de lactación. Por esta área tamén se poderá acceder ao semisótano no que, por agora, manterase parte do arquivo municipal.

A actual entrada pola Praza de España só se abrirá en ocasións sinaladas. Será un espazo diáfano e retiraranse tanto as cabinas como a cristaleira de acceso para que as escaleiras de pedra cobren todo o protagonismo.

A reforma da planta nobre permitirá recuperar o antigo salón de plenos, que pasará a ocupar todo o longo da fachada cara a Praza de España. Será un espazo versátil e funcional pensado para acoller todo tipo de actos sociais.

A fachada cara a Rúa Alhóndiga acollerá a área de recepcións institucionais e haberá un despacho para o alcalde e diversos espazos auxiliares, entre eles un aseo.

O espazo que queda no medio do edificio, segundo recolle este anteproxecto, será habilitado como sala de espera, espazo de almacenaxe e outras cuestións que contribúan á funcionalidade de toda a casa do concello.

A rehabilitación, segundo explicou Anabel Gulías, executarase con fases. As obras comezarán pola zona de traballo das oficinas técnicas de arquitectura e enxeñería, que deberán de ser recolocadas durante estes traballos.