A Xunta está a avanzar na fusión das Cámaras de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e así, está previsto que a Consellería de Economía e Industria traslade no mes de setembro ao Consello da Xunta a proposta de creación da nova cámara resultante da unión destes tres organismos.
Neste sentido, a Dirección Xeral de Comercio vén de autorizar a participación na nova entidade das cámaras de Vigo e Vilagarcía de Arousa, e está tramitando xa a inclusión de Pontevedra. O proceso culminará nunha resolución común de fusión dos tres organismos por parte do Consello da Xunta, que deberá aprobar o decreto de creación da cámara resultante.
A Xunta salientou nun comunicado que a nova alianza "permitirá sumar esforzos e aproveitar sinerxías, contribuíndo de forma máis eficaz á dinamización empresarial e económica da provincia de Pontevedra, que contará así cunha cámara de comercio máis forte para defender os intereses do tecido empresarial da súa demarcación, asegurando e mellorando a prestación de servizos, o que redundará no beneficio das empresas ".