Achan un esqueleto dunha muller nova no xacemento da Lanzada

Sanxenxo
19 de setembro 2016

O equipo de arqueoloxía chamoulle Cornelia ó coincidir o achado con esa onomástica. Trátase do primeiro esqueleto que aparece no Campo da Lanzada nos últimos 50 anos

Achan un esqueleto dunha muller nova no xacemento da Lanzada Deputación de Pontevedra

O equipo de arqueoloxía da Deputación atopou un esqueleto no xacemento da Lanzada. 

A Presidenta da administración provincial, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e o arqueólogo responsable da intervención no Campo da Lanzada, Rafael Rodríguez, acudiron á excavación para ver in situ o seu levantamento.

Trátase do primeiro esqueleto que aparece no Campo da Lanzada desde a década dos 60-70 do século pasado. Está nun excelente estado de conservación. A falta do estudo que se realizará en Santiago e cuxos resultados se coñecerán nun prazo comprendido entre un e dous meses, parecer ser que se trata dunha muller nova que realizaba unha actividade física intensa. 

O equipo de arqueoloxía chamoulle Cornelia ó coincidir o achado con esa onomástica.

Ata o momento xa se acharon na Lanzada máis de 3.000 pezas e estruturas descoñecidas.

O arqueólogo da Deputación de Pontevedra destacou que o achado de Cornelia "supón a confirmación da extensión da necrópole galaico-romana ata a área de ocupación, ó carón das vivendas" e engadiu que "nos permitirá contar a historia das galegas e dos galegos, poñerlle cara ás e ós protagonistas reais do que aconteceu neste territorio". 

Ademais, Rafael Rodríguez subliñou que o estudo que se realizará en Santiago "permitirá datar ó esqueleto e determinar se pertence á etapa prerromana ou romana". 

A intervención arqueolóxica do Campo da Lanzada, que comezou o pasado 20 de xullo e continuará ata novembro deste ano, se enmarca no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento y pretende triplicar a zona visitable da escavación, poñendo en valor a área romana do recinto co fin de aclarar cronoloxías.