Gregorio Agís, portavoz do PSdeG-PSOE, mostra o seu enfado coa Consellería de Infraestruturas en relación co proxecto da reforma da estrada PO-308 entre Fontenla e Combarro.
Segundo o representante socialista, a Consellería que dirixe Ethel Vázquez modificou "ás agachadas" o proxecto de mellora dese tramo entre San Xoán de Fontenla e o núcleo máis turístico de Poio. Esta modificación non foi notificada ao Concello de Poio nin á veciñanza, explica. Alude a que o cambio é substancial ao eliminar un gran número de prazas de aparcamento en toda a recta da Pinela. En lugar destes espazos previstos para o estacionamento no proxecto final, agora figura unha dotación de elementos verdes na marxe dereita en dirección a Combarro.
Agís considera estes feitos de "moita gravidade" ao suprimir prazas de aparcamento e porque no proxecto sometido a exposición pública non figuraba esta eliminación. "É unha medida que carece de sentido porque os elementos verdes que se pretenden introducir son demasiado estreitos como para ser considerados de utilidade", afirma o concelleiro alegando que esta novidade non xustifica a supresión de prazas para os vehículos.
#Ante esta situación, insta á Consellería a manter estes espazos previstos porque "non implican novas expropiacións" e pide seriedade á Xunta de Galicia asegurando que non é a primeira vez que modifican un proxecto sen darlle traslado ao Concello ou aos veciños. "Estamos fartos destas desconsideracións", expón.
Ademais, pide ao Partido Popular local que se pronuncie sobre este tema e lembra ao portavoz da oposición, Ángel Moldes, que "non se cansa de falar da falta de estacionamento" criticando ao Concello pero "non di nada sobre o espolio de prazas que fai a Xunta na Pinela", apunta Gregorio Agís.