Amil Sen Eólicos denuncia o inicio de voaduras no Monte Acibal sen a revisión de Patrimonio e Augas de Galicia

Umia
16 de xuño 2023

A asociación Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción teñen previsto presentar este venres unha solicitude urxente de paralización das obras #nte o que entenden como inacción dos organismos da Xunta de Galicia, ao non ter revisado os petróglifos atopados na zona

Amil Sen Eólicos pide a paralización das obras no Monte Acibal
Amil Sen Eólicos pide a paralización das obras no Monte Acibal / Amil Sen Eólicos

A Asociación Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción teñen previsto presentar este vienres 16 de xuño unha solicitude urxente de paralización das obras que a empresa Norvento está a levar a cabo no Monte Acibal.

Esta medida adóptase tras a denuncia do colectivo Amil Sen Eólicos, que alerta o inicio das voaduras sobre o terreo, no nacemento do rego de Santa Susana, e no medio dos múltiples petróglifos atopados sen que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia revisasen previamente o estado do proxecto.

O colectivo insiste que a dinamitación do Monte Acibal sen unha revisión previa e exhaustiva representa un risco moi elevado para o valioso patrimonio arqueolóxico e ambiental de zona. Por ese motivo un grupo de veciños achegouse ao lugar das obras para pedir que parasen, pero a Garda Civil requiriulles que abandonasen a zona ao contar a empresa con permisos para a actuación.

Con todo Amil Sen Eólicos insiste en que "a obra conta cuns permisos, incluídas as voaduras, baseados nunha documentación inicial que cremos insuficiente e que seguro non recolle o que foi aparecendo na obra. A empresa ten que comunicar as novas circunstancias aos organismos compentente e non o está facendo. Estes organismos teñen que velar polo patrimonio e as augas e, a pesar das nosas comunicacións por escrito tampouco o están facendo".

De feito, segundo o colectivo, a empresa ten en conta cinco elementos patrimoniais fronte ao informe arqueolóxico dos veciños que fala de case 50 elementos.

"De nada vale que protexan o pouco que poidemos atopar, se á beira dunha pedra cun petróglifo atopado por nós hai catro pedras danadas e vinte dinamitadas, sen que ninguén as revise. Baixo estas circunstancias entendemos que as obras non deberían continuar ata que as autoridades competentes revisen estes achados e reavalíen o impacto das obras", defenden.