Anabel Gulías Torreiro, unha moza de 33 anos, actual concelleira do BNG en Forcarei pero residente en Pontevedra, é a primeira das sorpresas que Miguel Anxo Fernández Lores anuncia para a lista que conformará a súa candidatura para as eleccións municipais de 2015.
Licenciada en Ciencias Políticas e xerente de Sermos Galiza, a moza ocupará o número dous na candidatura e na súa presentación ante os medios explicou que "é unha pasada que conten comigo para un proxecto en marcha" en referencia á traxectoria do BNG en Pontevedra. Destacou o "cambio abismal" que a cidade experimentou dende que no ano 1999, o Bloque alcanzou a alcaldía de Pontevedra e afirmou que "non sei se poderei seguir o ritmo a Miguel" explicando que ao municipio aínda lle queda o mellor por vir.
Pola súa banda, Fernández Lores indicou que a lista completa será coñecida a próxima semana e anunciou máis incorporacións. Non obstante, o actual alcalde sinalou que se manterá o núcleo duro da actual formación nacionalista: "non vai haber grandes variacións" para destacar que o seu equipo está "entre o vintage e o smart", chanceou o cabeza de lista do BNG, que anunciou na lista haberá algún integrante aínda máis novo que Anabel Gulías e afirmou que o seu obxectivo é incorporar persoas que "queiran este país e a Pontevedra en particular".