As obras interminables cercan ao colexio Sequelo de Marín e complican o acceso de 400 alumnos

Marín
15 de outubro 2025
Actualizado: 16:08

Desde a ANPA denuncian dous anos de traballos sen finalizar que obrigan aos escolares a convivir con maquinaria pesada e camións

Zona de estacionamento do CEIPP Sequelo ANPA CEIPP Sequelo

As familias do CEIPP Sequelo de Marín viven desde hai dous anos unha odisea diaria para levar aos seus fillos ao colexio, así o denuncian a través dun comunicado da ANPA do centro escolar.

As obras municipais na contorna do río Lameira converteron os accesos ao centro educativo nun labirinto de obstáculos que pon en risco a seguridade dos 400 estudantes que acoden ao centro.

O problema comezou na primavera de 2023 coas obras do colector do río Lameira. Os traballos, que tiñan un prazo de execución de 12 meses, seguen sen finalizar case dous anos despois. Esta intervención eliminou un dos camiños seguros recomendados para ir ao colexio: a senda que discorría desde a zona da Lameiriña, pasaba polo centro de saúde e continuaba xunto ao río até o centro educativo, libre de tráfico rodado.

"Era unha ruta pola que as familias podían desprazarse a pé ou en bicicleta con total seguridade", explican desde a ANPA Aidón no seu comunicado. Agora, estes pais e nais ven obrigados a atravesar a urbanización Virxe do Carmen por uns pasos de peóns estreitos situados á mesma altura da calzada, aumentando considerablemente o fluxo de alumnado por esta zona.

A situación agravouse coas obras simultáneas na rúa Jaime Janer, que propiciaron o encontro directo entre alumnado e maquinaria pesada durante as horas de entrada e saída do colexio. Os traballos afectaron as beirarrúas e ocuparon as prazas de aparcadoiro que utilizaban numerosos pais para deixar aos seus fillos.

A desesperación das familias chegou ao momento de presentar queixas reiteradas á Policía Local para que garantise a seguridade dos menores, considerando "inconcibible que a maquinaria estivese a traballar neses horarios".

O inicio do curso pasado trouxo novas complicacións coas obras no lateral do centro e o precintado da pasarela de madeira que discorría paralela ao colexio. Aínda que inicialmente o impacto parecía menor, xa que se podía atravesar o centro para acceder á porta principal, a realidade é máis complexa: o alumnado accede por portas diferenciadas segundo a súa idade.

Entrada de cursos de Educación Infantil no CEIPP SequeloANPA CEIPP Sequelo

Tras máis dun ano de traballos nesta zona para crear unha suposta senda peonil paralela alén da canle do río, que aínda continúa sen finalizar, o curso 2025-2026 comezou cun incremento das obras que inclúe a remodelación do pavillón e a instalación dun ascensor no centro educativo.

Materiais de obra no acceso ao pavillón do CEIPP SequeloANPA CEIPP Sequelo

SEN ACCESO VIABLE

Estas novas intervencións imposibilitaron completamente o acceso pola zona do pavillón, obrigando ás familias a desprazarse pola rúa Jaime Janer até a rúa de acceso ao centro educativo.

O problema agrávase porque os accesos de infantil e primaria atópanse en portas distintas, e calquera consulta require rodear todas as obras.

O Concello retirou a pasarela de madeira como medida de seguridade polo seu mal estado, segundo relatan, pero tras case un ano desde o seu precinto, por causas descoñecidas xa non se atopaba pechada ao tránsito.

O inicio das obras no único acceso viable que quedaba ao centro educativo durante os últimos días provocou a reacción pública. A comunidade educativa e os veciños dirixiron unha instancia ao Concello solicitando que "finalicen as obras canto antes pero, ante todo, que nos proporcione un acceso seguro para levar aos nosos fillos ao colexio".

As familias asumen a situación "con total comprensión", recoñecendo que as obras suporán "unha importante mellora para o barrio e o centro educativo", pero reclaman unha solución urxente que garanta a seguridade dos menores nos seus desprazamentos diarios ao colexio.

Obras no acceso ao CEIPP SequeloANPA CEIPP Sequelo
Estado da senda do río Lameira tras tres anos en obrasANPA CEIPP Sequelo