Ás protestas do Froebel polo tellado súmanse as do colexio Barcelos polo ximnasio

Pontevedra
07 de febreiro 2024

De novo este mércores o CEIP Froebel viviu unha protesta para esixir á Consellería de Educación que axilice as obras da terceira fase da reforma prevista neste centro de Pontevedra, que levan unha década de atraso

Protesta do alumnado do CEIP Froebel Pontevedra Viva

De novo este mércores o CEIP Froebel viviu unha xornada de protesta para esixir á Consellería de Educación que axilice as obras da terceira fase da reforma prevista neste centro de Pontevedra, que levan unha década de atraso.

A chegada do Entroido sumou novos disfraces aos gorros e gafas de piscina que vestiron os escolares para chamar a atención da precaria situación na que se atopa o seu colexio onde segue entrando auga cada vez que chove, como ocorre hoxe.

O xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, mantén que as obras se iniciarán en 2024 e finalizarán en 2025 cun investimento de 1,1 millón de euros coa reparación integral das cubertas, con reforzo estrutural e mellora do illamento térmico, entre outras melloras.

Pero a do CEIP Froebel non será a única protesta activa dun centro educativo da cidade pois o ANPA O Galo do Colexio Praza de Barcelos anunciou mobilizacións.

Neste caso a comunidade educativa esixe á Xunta e ao Concello de Pontevedra que reclamen á empresa que está a executar obras na parcela anexa ao centro para recuperar o ximnasio, despois de catro meses sen poder usalo. 

Ademais da deste xoves convocaron novas protestas para o venres 9 e para os días 15 e 16 de febreiro, ás nove da mañá.