O goberno local de Marín anuncia a posta en marcha do proxecto de creación do colector de augas residuais entre os núcleos de Pastoriza e Picotes, na parroquia de Ardán.
A dotación orzamentaria para esta iniciativa alcanzará os 200.000 euros, que se sufragarán con cargo ao remanente de tesourería, segundo explica o concelleiro Pablo Novas, responsable de Medio Rural.
Con esta obra, Novas quere resolver o problema que denuncia a veciñanza debido ao mal funcionamento da depuradora de Pastoriza.
Segundo os informes técnicos, a depuradora era ineficaz e proxectouse unha nova canalización que permita prestar o servizo con calidade para a parroquia, indica o concelleiro.
Afirma que se axilizou a tramitación para realizar a actuación no menor tempo posible. O proxecto do colector conta coas autorizacións de Medio Ambiente e de Patrimonio, polo que o goberno local só espera o visto e prace de Augas de Galicia.
A partir dese momento poderase iniciar o proceso de licitación para adxudicar a obra e comezar os traballos.