O espírito do Nadal fixo hoxe unha parada moi especial no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Dende primeira hora da mañá, a ilusión entrou polas fiestras da área de hospitalización pediátrica da man dos membros da Asociación Cultural Deportiva Bombeiros de Pontevedra, que protagonizaron unha emotiva visita solidaria cargada de sorrisos, agasallos e esperanza para os máis pequenos.
Un ano máis, os efectivos de extinción de incendios sorprenderon a pacientes, familiares e profesionais ao acceder ao patio interior do centro sanitario nun dos seus camións de intervención e despregaron a escada articulada para chegar ata o primeiro andar, onde entraron pola fiestra da gran galería de Pediatría.
Alí, os agardaban con expectación varios nenos ingresados, que viviron un momento inesquecible ao recibir agasallos e coñecer de preto os equipos e materiais de intervención dos bombeiros.
A galería encheuse de familiares, profesionais sanitarios e mesmo doutros pacientes adultos, que quixeron compartir unha xornada tan especial nas datas previas ao Nadal.
A iniciativa puxo en valor, unha vez máis, o compromiso coa humanización que manteñen de forma constante os profesionais sanitarios, voluntarios e docentes da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, co obxectivo de facer máis agradables as estadías hospitalarias dos nenos.
A solidariedade estendeuse tamén a outros espazos do complexo, xa que os bombeiros visitaron un dos hospitais de día para achegar ánimo e compañía aos doentes.
A xornada de humanización completouse no Hospital Montecelo cun micro concerto terapéutico de Nadal na unidade de Reanimación.
Sons tradicionais destas datas encheron o servizo grazas á actuación dun grupo musical formado por Nerea Sieiro, Yago Casalderrey, María Rodríguez, Carlota de Cabo e Natalia Outón, intérpretes de piano, guitarra e violonchelo. As melodías espertaron a curiosidade e o agrado de pacientes, familiares e profesionais, creando un ambiente de calma e proximidade.
O evento, ao que asistiu o director médico da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, David Barros, desenvolveuse en colaboración cun centro de formación musical da cidade e sorprendeu gratamente ás persoas que agardaban no entorno sanitario de Montecelo.
Segundo explicou a xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación, a doutora Marina Varela Durán, "hai estudos que amosan a acción positiva da música na redución da ansiedade en certos doentes". A música, engadiu, contribúe a mellorar parámetros como a frecuencia respiratoria, a cardíaca ou a presión arterial, ademais de axudar a aliviar a dor e outros síntomas asociados a determinadas doenzas. "Cada vez máis, utilízase como tratamento complementario e polo seu enorme valor humanizador nos entornos asistenciais", sinalou.
Unha mañá diferente, chea de emocións, que deixou claro que a solidariedade, a música e os pequenos xestos poden converter o hospital nun lugar un pouco máis cálido, especialmente cando o Nadal está á volta da esquina.