Carmela Silva pídelle á Xunta unha actuación inmediata para evitar agresións no Centro Príncipe Felipe

Pontevedra
19 de febreiro 2016

A presidenta da Deputación indica que non poden deixar de tratar os mozos conflitivos pero reclama solucións á Consellería de Benestar Social para que a Cidade Infantil non teña que acoller a menores con problemas de delicuencia ou de adicción

Visita de Carmela Silva á Cidade Infantil Príncipe Felipe
Visita de Carmela Silva á Cidade Infantil Príncipe Felipe /

Carmela Silva, a presidenta da Deputación Provincial, insta á Xunta de Galicia a que interveña para resolver os problemas de agresións que denunciou o sindicato Comisións Obreiras e que se rexistran na Cidade Infantil Príncipe Felipe debido á presenza de menores conflitivos, que se atopan baixo control xudicial.

Esta situación, sinala Carmela Silva, débese a que a Xunta de Galicia pode trasladar a 100 menores a este centro dependente da Deputación a través do convenio asinado coa Consellería de Benestar Social para enviar a menores en necesidade de acollida. Con todo, a presidenta provincial indicou que por falta de espazo noutros centros da Xunta, a administración autonómica está a trasladar menores con problemáticas de delincuencia ou de adiccións ao centro pontevedrés. 

No mes de xaneiro, a deputada provincial Eva Villaverde, responsable das instalacións, mantivo unha reunión con técnicos da Consellería para volver informar dos conflitos que se están xerando no centro debido á presenza deses menores, pero Carmela Silva apuntou que a Xunta está a dar "a calada" por resposta. A presidenta incidiu en que é necesaria unha solución pero que a institución provincial non pode deixar de tratar a eses mozos porque se trata dun tema moi sensible no que seguirán traballando.