O sindicato Comisións Obreiras denunciou este martes o que entende como unha "utilización partidista dos menores" na negociación entre Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia sobre o futuro da Cidade Infantil Príncipe Felipe "para conseguir a transferencia á Xunta".
Así o defendeu o secretario comarcal da organización, José Ramón Piñeiro, aludindo á proposta presentada pola administración provincial na negociación e á que aseguran ter acceso a través de "unha filtración".
O convenio que regulaba a colaboración entre Deputación e Xunta para a atención de menores caduca o próximo 30 de xuño, despois dunha prórroga de seis meses, e a idea da institución provincial pasa por "non ofertar os servizo de UPA (Unidade de Primeira Acollida) e deixar de prestar prazas no rexime de internamento", explicou Piñeiro, potenciando unicamente o servizo de centro de día.
Ata agora a Xunta de Galicia contaba con 100 prazas á súa disposición, das que 10 eran do UPA, 65 para o internamento de menores e 30 no centro de día, ás que se suman as propias tuteladas pola Deputación.
Se esta medida sae adiante deixaría tan só a 26 menores internados no centro, os tutelados pola administración provincial. "Vai haber moitos menos nenos menores que persoas traballando en todo o Príncipe Felipe", defende o sindicato, os que afectaría a "uns 50 traballadores" eventuais que perderían o seu traballo.
"Parécenos unha indecencia política por parte da Deputación", engadiu á súa vez José Luis García Pedrosa defendendo o labor que se desenvolve en Príncipe Felipe.