Centos de peixes morren no río Gafos debido á vertedura causada pola obstrución dun sumidoiro

Pontevedra
05 de agosto 2020

A asociación Vaipolorío denunciaba esta vertedura que se rexistraba ao mediodía deste mércores 5 de agosto na contorna do Marco, por onde pasa o afluente Pintos, causando a morte de diversas especies como escalos, troitas e anguías

Vertedura no río Pintos que causa a morte de centos de peixes no Gafos Vaipolorío / Marta Hymenofilum

Un particular alertaba no mediodía deste mércores 5 á asociación Vaipolorío da presenza dunha vertedura na zona do Marco que afectaba o río Pintos, afluente do Gafos, que percorre a parroquia de Marcón. Xosé Feijoo, do colectivo ecoloxista, sinala que unha vez que compareceu no punto atopou centos de peixes mortos contaminados por unha vertedura procedente dun sumidoiro atrancado, que estaba a expulsar augas fecais ao leito do río.

A partir dese momento informábase o servizo do 112 Galicia e ata o lugar desprazábanse axentes da Policía Local de Pontevedra e da Policía Autonómica; operarios da empresa concesionaria do servizo de augas Viaqua; técnicos de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, que tomaron mostras das augas contaminadas.

De todos os xeitos, a vertedura aínda era visible ao longo da tarde no desenvolvemento do río dos Gafos ao seu paso pola contorna urbana, nas inmediacións á estación de autobuses coa presenza dos peixes mortos, que provocaron o malestar entre as persoas que paseaban pola zona. Xosé Feijoo mostrábase crítico co tempo da intervención nestes casos que afectan ao medio natural: "se fose na Michelena igual era distinto, pero sendo no Marco todo vai máis lento".

O integrante de  Vaipolorío sinala que, sobre todo, morreron numerosos escalos, troitas e anguías nesta nova vertedura causada por unha arqueta obstruída por algún material que provocaba un tapón, que tentaban desatascar os operarios de  Viaqua. 

Xosé Feijoo lamenta que desde a concellería de Medio Ambiente non existan medios para tomar mostras inmediatas e determinar a orixe destas verteduras. Sinala que unha contaminación destas características resulta moi grave nun momento en que o caudal do río baixou moitísimo debido á seca e á tensión que sofre polas obras da A-57 na Fracha.

Precisamente este mércores, a asociación denunciaba tamén a vertedura voluminosa dun colchón no tramo urbano dos Gafos. A asociación continúa desenvolvendo labores de limpeza do leito do río durante as mañás dos domingos. Para participar é necesario chamar ao teléfono 676.842.942.