Veciños de Ponte Caldelas e de Cotobade saíron na mañá deste sábado á rúa para protestar pola "cacicada da PO-234", é dicir, a decisión adoptada pola Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia de "acondicionar unicamente o tramo cotobadense nesta estrada autonómica, abandonando a reforma das perigosas curvas de Laxoso", no termo municipal de Ponte Caldelas.
A manifestación partiu a mediodía da Casa do Concello encabezada polo equipo de goberno tripartito, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, e polo alcalde, Andrés Díaz Sobral. Con eles varios centos de veciños acompañados polos membros da Plataforma creada en ámbolos dous municipios para defender a execución desta mellora.
Andrés Díaz advertiu que calquera día "chegará unha esquela" dende as curvas de Laxoso
Foi unha mobilización sen incidente ningún e que serviu tamén para cumprir o compromiso do goberno local de Ponte Caldelas de celebrala, "gañara quen gañase as eleccións autonómicas". Os organizadores subliñaron a súa satisfacción pola resposta cidadá e instaron á Xunta de Galicia a escoitar a voz dos veciños.
Xa na Alameda, o alcalde leu un manifesto no que cualificou o anuncio da Xunta, en plena precampaña de limitar as obras ao municipio de Cotobade como "unha auténtica cacicada e unha práctica da peor política posible: a que pon o electoralismo e o partidismo por diante dos intereses xerais dos veciños".
Andrés Díaz advertiu que calquera día "chegará unha esquela" dende as curvas de Laxoso.