Cerdedo-Cotobade auditará á súa rede de saneamento

Cerdedo Cotobade
06 de outubro 2025
Actualizado: 20:54

Este estudo ten como obxectivo atopar e solucionar as infiltracións de augas pluviais e limpas que se están coando nas tubaxes de saneamento

Instalación de tubaxes Xunta de Galicia

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de recibir unha axuda de máis de 14.000 euros concedida por Augas de Galicia, destinada a realizar unha auditoría integral da rede municipal de saneamento.

Este estudo ten como obxectivo atopar e solucionar as infiltracións de augas pluviais e limpas que se están coando nas tubaxes de saneamento, algo que complica moito o funcionamento das depuradoras.

Durante os días de choiva, estas augas que non precisan tratamento acaban chegando ás estacións depuradoras, obrigándoas a traballar por riba da súa capacidade. Isto non só provoca desbordamentos e verteduras, senón tamén un gasto enerxético innecesario.

A auditoría será un traballo complexo, xa que o municipio conta con 38 redes de saneamento e unha extensión total de máis de 80 quilómetros de conducións repartidos entre 28 km en Cerdedo e 53 km en Cotobade.

Para organizalo, o proxecto dividirase en catro fases principais, sendo a primeira a creación dun inventario xeorreferenciado de todas as infraestruturas existentes. A continuación farase unha sectorización das redes para identificar puntos clave e instalar sistemas de control e medición, especialmente útiles en días de choiva. Logo virá unha inspección en profundidade das zonas con posibles infiltracións e, por último, virá o deseño de solucións correctoras, como selado de pozos, reparación de tubaxes ou renovación de tramos.

Ao rematar, a empresa encargada entregará ao Concello un informe completo que incluirá un inventario dixital actualizado, a estimación das infiltracións e un plan de actuacións valorado economicamente para aplicar a medio e longo prazo.

Con esta iniciativa, Cerdedo-Cotobade dá un paso importante para mellorar a eficiencia do seu saneamento e coidar do medio ambiente.