O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este martes a 'Chave do valor público', o recoñecemento que lle entregou a organización do certame Public Value Fest de Lisboa pola transformación urbana que experimentou a cidade.
A cerimonia de entrega celebrouse xusto antes de que Fernández Lorez amosara ao público presente os cambios que se realizaron na cidade do Lérez ao longo das últimas décadas.
Este premio, segundo destaca o goberno municipal, amosa o interese que segue a espertar Pontevedra no mundo e no urbanismo internacional.
A organización do evento quixo destacar "a relevancia e o impacto" do proxecto de Pontevedra na súa comunidade, xa que funcionou "como unha chave para abrir a porta do valor público".
"O alcalde de Pontevedra pasou de ser o médico de distintas persoas ao médico de toda unha cidade co obxectivo de curala das súas doenzas", engadiron desde a organización.
O rexedor pontevedrés tentou achegar as claves dun modelo que pon as persoas no centro e que continúa a mudar a cada día que pasa, adaptándose aos retos e necesidades do futuro.
A inclusión da velocidade 30 e 10 km/hora, os pasos de peóns elevados, a posta en valor do espazo público como punto de encontro ou a accesibilidade universal son algúns dos elementos que o alcalde citou durante o seu relatorio.
Son exemplos de medidas que funcionaron, asegurou o rexedor pontevedrés, para que Pontevedra "sexa o que é hoxe, unha cidade na vangarda".
Tras recibir este premio en Lisboa, o alcalde viaxará a Madrid para recoller este mércores a medalla que o Comité Olímpico Español entregará a Pontevedra polo seu apoio ao deporte. Irá acompañado do xefe do servizo de Deportes, Jaime Agulló.