Houbo que cambiar os plans previstos pero a choiva non impediu que Sanxenxo entre, oficialmente, no Nadal. Fíxoo co tradicional acto de acendido da iluminación.
A conta atrás para a entrada no período de Nadal realizouse desde o Pazo de Nadal que se habilitou na Praza do Mar, onde os nervios e a ilusión dos máis pequenos foi patente.
O acto contou coa animación de Javi Solla e Vos Bolechas que, en colaboración con Entretendas, regalaron gorros de Papá Noel entre os asistentes.
Un total de 345 motivos repartidos en 84 espazos públicos de distintas parroquias comezaron a iluminarse unha hora antes para dar paso á apertura da carpa.
Alí, o público puido gozar xa das actividades previstas como a pista de xeo, a pista americana, a zona gastronómica ou o mercado de Nadal.
Un concerto de Broken Peach, a banda encargada de alagar de espírito de Nadal os 2.000 metros cadrados da carpa, puxo o broche de ouro a esta celebración.
Este non será o único acendido de Nadal que sucederá en Sanxenxo estes días.
Así, Bordóns e Adina acenderán as súas aldeas de Nadal o 7 de decembro, ás 18:00 horas, mentres que unha hora máis tarde farano as de Vilalonga e Aios.
Para o luns quedarán a inauguración das aldeas situadas en Portonovo (17:00 horas), Nantes e Noalla (18:30 horas) e Dorrón (19.00 horas).
Durante esta festa de acendido haberá chocolate e rosca para todos os asistentes.
En todos estes puntos realizarase unha recollida de alimentos que serán doados a Cáritas e ao Banco de Alimentos do Salnés.