Concertos, visitas reais e concursos marcan o Nadal en Ribadumia

O Salnés
17 de decembro 2025

Ribadumia convida a veciños e visitantes a desfrutar dun Nadal participativo, cultural e solidario, no que a música, a ilusión e o espírito comunitario serán os grandes protagonistas.

Carroza de Reis do Concello de Ribadumia Concello de Ribadumia

Ribadumia xa ten todo en marcha para vivir un Nadal cheo de música, solidariedade e ilusión. O Concello artellou un completo programa de actividades lúdicas e culturais que se desenvolverá ao longo do mes de decembro e se estenderá ata o 11 de xaneiro, con propostas pensadas para públicos de todas as idades.

A música será unha das grandes protagonistas destas festas. O sábado 14 de decembro, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá un concerto especial do prestixioso trompetista Rubén Simeó xunto á Banda de Música Municipal de Ribadumia.

A programación musical continuará o domingo 21 de decembro, ás 19:00 horas, co concerto “Camiño Aberto”, a cargo de Juan Carlos Cambas e Rosa Leiro, unha proposta chea de sensibilidade e sonoridades diversas.

Xa o sábado 27 de decembro, tamén no Auditorio e ás 19:00 horas, terá lugar o tradicional concerto solidario da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, nesta ocasión a beneficio de Cáritas.

A solidariedade e o espírito nadalicio unirán forzas o mércores 24 de decembro coa visita de Papá Noel á Praza do Concello a partir das 11:00 horas.

A xornada completarase cunha exposición de coches e cunha recollida solidaria de alimentos organizada en colaboración con Salnés Racing, convidando á veciñanza a participar nun xesto solidario nestas datas tan especiais.

Xa no novo ano, o venres 2 de xaneiro de 2026, os máis pequenos poderán achegar as súas peticións ao Paxe Real, que estará na Casa do Concello a partir das 10:00 horas recollendo as cartas para os Reis Magos.

A maxia culminará o luns 5 de xaneiro coa visita dos Reis por todas as parroquias do municipio desde as 16:30 horas. A esperada Cabalgata de Reis dará comezo ás 18:30 horas, cun desfile que percorrerá o traxecto desde Os Castaños ata a Praza do Concello.

O broche final á programación chegará o domingo 11 de xaneiro, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal, co espectáculo Os Fabulosos Cleaners, unha proposta escénica chea de humor e diversión para toda a familia.

Ademais, o Nadal en Ribadumia complétase cunha serie de concursos que buscan fomentar a creatividade e a participación veciñal. O XXIII Concurso de Postais de Nadal manterá aberto o prazo ata o 10 de decembro; o VI Concurso de Decoración de Escaparates poderá presentarse ata o 16 de decembro; o III Concurso de Carrozas de Reis, ata o 23 de decembro; e o VI Concurso de Decoración de Vivendas, ata o 22 de decembro.

Arquivado en