Co apoio, segundo os organizadores, de máis de 60 colectivos de diversos sectores, a plataforma cidadá 'Touradas Fóra de Pontevedra' protagonizou unha concorrida manifestación para esixir o fin dos festexos taurinos na cidade de Lérez.
Baixo o lema "a tortura non é arte nin cultura" a marcha percorreu varias rúas do centro da cidade, tras saír da Praza da Peregrina pouco despois das 20:00 horas.
A protesta coincidiu co terceiro día da Feira da Peregrina, unha feira que aseguran dende a plataforma cada vez esperta "menos interese".
'Touradas Fóra de Pontevedra' convocaba a manifestación "en defensa dos dereitos dos animais e contra a barbarie taurina", nunha cidade que se mantén como a única de Galicia que conserva unha praza de touros permanente.