O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, asinaron este xoves o convenio para a mellora da seguridade viaria da estrada provincial EP-0601, entre A Seara e Campelo.
Unha obra valorada en máis de 1,8 millóns de euros, dos que a Deputación achega o 80 %, arredor de 1,46 millóns de euros, e que servirá para construír unha senda peonil e implantar novas medidas de seguridade viaria ao longo dun treito de 1,1 quilómetros nesta estrada de titularidade da Deputación.
"É un proxecto moi ben pensado, moi traballado e en consonancia co que quere a xente, por iso desde a Deputación apoiámolo desde o punto de vista técnico e orzamentario", afirmou o mandatario provincial na Praza da Granxa de Campelo, onde tivo lugar o acto de sinatura do convenio.
A primeira fase deste proxecto, froito da colaboración entre as administracións provincial e municipal, céntrase nunha intervención integral entre o cruce da Seara e a contorna da escola de música de Campelo.
A obra contempla a construción dunha senda peonil dun ancho mínimo de 2,50 metros na marxe dereita da estrada ao longo dun treito de 1,1 quilómetros.
Con todo, no punto quilométrico 3+350, onde a sección do viario impide cumprir a anchura mínima da senda, crearase unha zona de convivencia entre vehículos e persoas con prioridade peonil.
Así mesmo, levaranse a cabo accións complementarias coma a creación de novas prazas de aparcamento, renovación da iluminación pública, execución de muros de sostemento da estrada, mellora dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e reposición dos servizos afectados.
"Damos os parabéns ao alcalde e o seu equipo porque esta é moi complexa, chegar a este punto ten moitísimo mérito", afirmou o mandatario provincial.
Pola súa banda, o rexedor agradeceu o compromiso do presidente para apoiar o proxecto. "Hoxe é un día histórico. Agradecemos a implicación do presidente da Deputación, que na súa primeira visita a Campelo, ven cun convenio para facer realidade as beirarrúas desde Campelo á Seara", dixo Ángel Moldes.