Os noventa traballadores da empresa Construcciones Crespo reclaman unha reunión coa dirección para intentar buscar algunha fórmula que salve esta construtora que se encontra en concurso de acredores dende o 30 de xaneiro de 2014. Segundo denunciou Xaquín Agulla, do sindicato CIG, a dirección de Construcciones Crespo busca a liquidación a pesar de que conta con carga de traballo. Os representantes sindicais demandan que se explore a posibilidade de encontrar viabilidade a través dunha xunta de acredores.
Actualmente, os traballadores vense afectados por un expediente de regulación de emprego (ERE) suspensivo dende o 20 de setembro de 2013, que fora proposto polo propio equipo como opción para buscar unha saída viable á empresa. De feito, afirman que tamén a metade do persoal, que contaba con salarios superiores aos do convenio, decidiu aceptar unha redución do seu soldo durante o último ano.
A empresa foi a un procedemento denominado 'proposta anticipada de convenio' para intentar chegar a un acordo cos acredores pero ningún deles se mostrou interesado en adherirse a esta proposta. Por ese motivo, a semana pasada a dirección decide asumir a liquidación "para desfacerse dun xeito cómodo de traballadores e da débeda contraída con acredores", segundo apuntaba Xaquín Agulla, da CIG, que ofreceu unha rolda de prensa acompañado por un grupo de traballadores e por Luis Rodas de CC.OO.
Os sindicatos aseguran que a dirección da empresa ten tomada a decisión de liquidar a entidade dende hai tempo e que foi o cadro de persoal o que evitou que se levase a cabo. Xaquín Agulla afirma que Construcciones Crespo ten un volume de obra por executar de ao redor de tres millóns de euros e un superávit de máis de 500.000 euros e acusa o propietario de falta de sensibilidade pola súa intención de pechar a empresa.
O cadro de traballadores está formado por empregados, na maioría dos casos, de máis de 20 anos de antigüidade e con idades que superan os 50 anos. Para o luns vindeiro teñen convocada unha asemblea para tomar unha decisión sobre a posibilidade de iniciar unha campaña de protesta.