Os momentos máis complicados como consecuencia da infección do coronavirus parecen quedar atrás na Residencia Soremay de Pontevedra. Este centro de atención a persoas maiores chegou a superar os 60 casos activos a principios do mes de decembro, entre usuarios e persoal.
Durante o últimos dez días foron descendendo os casos nesta residencia. Este domingo 20 o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) notifica que no centro conta con 27 persoas contaxiadas. 18 destes positivos son usuarios e os outros 9 son empregados que se atopan recuperándose da súa enfermidade nos seus domicilios.
Durante este período rexistráronse 5 falecementos por coronavirus en Hospitais de Pontevedra procedentes desta residencia. Nas últimas horas 11 usuarios ofreceron resultado negativo nas probas, que se suman aos cinco usuarios e seis traballadores do centro que tamén se recuperaban na xornada entre o venres e o sábado.
Segue sendo preocupante a situación na Residencia Pontevedra, do municipio de Vilaboa. Alí, segundo os datos da Consellería de Sanidade, permanecen 20 residentes enfermos por covid e contabilízanse 10 traballadores coa infección.
Por último, na Residencia DomusVi Ribadumia oito integrantes do persoal laboral constan como casos activos pero xa, desde hai días, non hai usuarios coa enfermidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.