Unha delegación da cidade alacantina de Elda veu de visita a Pontevedra para tomar contacto co seu modelo urbano e coa transformación que experimentou durante as últimas dúas décadas pola recuperación dos seus espazos públicos.
Co seu alcalde Rubén Alfaro á fronte, a comitiva amosou un especial interese nos cambios introducidos na cidade, pensando na posibilidade de abordar actuacións similares na súa localidade, que ten uns 53.000 habitantes.
Alfaro, que a súa vez é o presidente da Federación Valenciana de Municipios e Provincias, reuniuse do director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, que expuxo polo miúdo os principais aspectos e elementos de transformación acontecidos ou utilizados na Boa Vila.
A continuación, os concelleiros César Mosquera e Demetrio Gómez acompañaron os visitantes nun paseo no que percorreron algunhas das principais rúas da cidade.
O alcalde de Elda e o seu equipo preguntaron polo control do tráfico, na plataforma única existente en case todo o centro ou nos diferentes elementos que foron introducidos para facer da cidade un entorno máis amable coa veciñanza como estacionamentos de 15 minutos, pasos de peóns elevados ou os límites de velocidade.
Para este xoves está prevista unha nova visita ao Concello da delegación eldense, onde serán recibidos polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.