En pé de guerra contra a Xunta pola mellora da estrada autonómica PO-234

Ponte Caldelas
24 de outubro 2015

O Concello de Ponte Caldelas levará ao Parlamento galego a súa esixencia de que se acometa a mellora da estrada autonómica PO-234, entre Laxoso e Augasantas, que non aparece incluída nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano

Equipo de goberno de Ponte Caldelas na estrada PO-234
Equipo de goberno de Ponte Caldelas na estrada PO-234 / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas levará ao Parlamento galego a súa esixencia de que se acometa a mellora da estrada autonómica PO-234, entre Laxoso e Augasantas, que non aparece incluída nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano.

Pese a existir un proxecto realizado hai tempo e valorado nuns dous millóns de euros, a Xunta de Galicia segue sen acometer esta mellora en seguridade viaria que, recordan desde o goberno municipal, é reclamada desde hai moitos anos polos veciños. 

Pouco tempo despois da toma de posesión do novo equipo de goberno, o alcalde Andrés Díaz solicitou información á Xunta con respecto a esta estrada co fin de coñecer o estado de tramitación deste investimento. Responsables do organismo autónomo sinaláronlle ao rexedor que non se acometería esta actuación debido "á falla de alta sinistralidade e volume de tráfico suficiente", recorda o alcalde.

Ante esta resposta, e a indignación veciñal expresada recentemente nunha xuntanza mantida en Laxoso onde se lle pedía “mobilizacións activas”, o alcalde Andrés Díaz solicitou unha reunión urxente coa conselleira sen que, ata o momento, se tivera unha resposta positiva ao respecto.

O equipo de goberno e o propio alcalde aseguran que os responsables da Xunta “escúsanse” para non acometer as obras. “Que agardan, a que haxa que lamentar unha morte para actuar?”, pregúntanse Andrés Díaz e os veciños.

Andrés Díaz lembrou que a posta en marcha, canto antes, da mellora da estrada PO-234 é unha prioridade do seu equipo de goberno e que xa mantivo contactos co seu homólogo de Cotobade, Jorge Cubela, coa fin de facer fronte común e lograr ese obxectivo.

Arquivado en