Os veciños de Augasantas demandan o ensanche da estrada PO-234 a Ponte Caldelas

Cerdedo Cotobade
29 de outubro 2015

Representantes da asociación de veciños de Augasantas mantivo este xoves un encontro de traballo co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, no que os veciños demandaron o ensanche da estrada PO-234 que comunica con Ponte Caldelas

O alcalde de Cotobade cos representantes da Asociación de veciños de Augasantas (arquivo)
O alcalde de Cotobade cos representantes da Asociación de veciños de Augasantas (arquivo) / Concello de Cotobade

Representantes da asociación de veciños de Augasantas mantivo este xoves un encontro de traballo co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, no que os veciños demandaron o ensanche da estrada PO-234 que comunica con Ponte Caldelas.

O alcalde trasladoulles o compromiso de que a mellora desta estrada autonómica será "unha prioridade para esixir á Xunta durante esta lexislatura" e recoñeceu que se trata dunha "demanda histórica".

O proxecto ten un orzamento que supera os 2 millóns de euros e contempla o ensanche da plataforma do vial ata os 7 metros (2 carrís de 3 metros e beiravías de 50 centímetros). Ademais rectificaranse varias curvas. Así mesmo está prevista a construción de sendas peonís ou beirarrúas en 3 zonas: na entrada de Augasantas, na travesía de Laxoso e na entrada ao centro urbano de Ponte Caldelas.

Ademáis na reunión valoraron as actuacións feitas polo goberno local na consecución das obras de mellora da Casa do Pobo, co que o alcalde mostrou a súa disposición para colaborar coa asociación para darlle máis uso e fomentar as actividades de interese municipal no propio local.

Tamén se falou da situación de inseguridad vial creada tras a reposición do firme no vial municipal que une Paciños con Mataporcos, cunha reposición de firme en aglomerado en quente ao longo de 4 quilómetros, financiada pola Deputación cunha inversión de 96.000 euros. O problema é que os coches agora circulan a grande velocidade, polo que solicitaron ao alcalde o apoio para colocar bandas reductoras de velocidade nalgúns tramos con escasa visibilidade.

Cubela tamén expuxo a intención do Concello de sumarse ao plan de composteiros comunitarios que promove a Deputación, para o cal a asociación comprometeuse a tratalo cos veciños da parroquia na vindeira asamblea.

Arquivado en