O Entroido de Cobres reinvéntase con 'Riomaior', un novo baile

Vilaboa
08 de febreiro 2026

A choiva deu unha tregua este domingo para gozar da presentación do tradicional Entroido de Cobres

Presentación do Entroido de Cobres en Figueirido Concello de Vilaboa

Coma se fose unha homenaxe á tradición, a choiva deu unha tregua este domingo 8 de febreiro para poder gozar da presentación do tradicional Entroido de Cobres.

As madamas e galáns de tan particular celebración, todo un emblema que en Cobres se caracterizan pola ausencia total de máscaras, a vistosidade dos seus chapeus e polo colorido das súas vestimentas, converteron nun espectáculo o seu paseo polo municipio.

Sen auga durante toda a mañá a comitiva iniciou o seu percorrido ás 11.00 horas desde a Capela de Santa Marta de Bértola para pasar ás 12.00 horas por Figueirdo e ás 13.00 horas polo Campo da Festa de Postemirón.

Xa pola tarde estaban tamén previstas visitas a Paredes e As Salinas.

No percorrido desvelouse a gran novidade da presente edición do Entroido de Cobres, un novo baile bautizado co nome de 'Riomaior'.

Presentación do Entroido de Cobres en PostemirónConcello de Vilaboa

Unha peza que nace para honrar o lugar que cada ano acolle a carpa do Entroido e que simboliza, explica o Concello de Vilaboa, con elegancia e movemento a forza colectiva desta celebración centenaria.

A xornada serviu para lembrar que o entroido está xa ás portas e que mantén viva unha tradición que evoca a identidade e memoria e que é parte dunha das xoias do patrimonio inmaterial galego.

Tradición que se mantivo ao longo dos anos "grazas ao compromiso das familias, da agrupación cultural Cobres e de todas as persoas que, ano tras ano, mantéñena acesa", defende o Concello.

Presentación do Entroido de Cobres en FigueiridoConcello de Vilaboa

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en