O exceso de velocidade segue sen control nas estradas de Pontevedra: as denuncias crecen un 46%

Pontevedra
23 de setembro 2025

Abel Losada "apela á prudencia" dos condutores tras rexistrarse 2 mortos e 19 hospitalizados máis que en xullo e agosto de 2024: "chega o inverno e hai un risco obxectivo maior, sen dúbida"

Patrulla da Garda Civil de Tráfico

Mal verán nas estradas pontevedresas en cuestión de sinistralidade. Houbo cinco falecidos en accidentes de tráfico fronte aos tres dos meses de xullo e agosto de 2024 e os hospitalizados pasaron de 12 a 31, isto é, houbo dous mortos e 19 feridos máis.

Os datos facilitounos o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nunha rolda de prensa de balance do verán 2025 acompañado pola xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o capitán do subsector de Tráfico, Antonio Pérez Piteira.

A pesar desas cifras relativas a falecidos e feridos, de media, houbo un "lixeiro descenso" nos accidentes. Así, entre xullo e agosto rexistráronse 175, fronte aos 182 do ano anterior, e o verán quedou "lixeiramente por baixo" da media dos últimos cinco anos, situada en 180.Ademais de facer balance da sinistralidade, fixeron unha análise do comportamento dos condutores e dos principais motivos de preocupación dos responsables da xestión do tráfico, que seguen a ser a velocidade, o alcol e as drogas e os usuarios máis vulnerables -motoristas, peóns ou ciclistas-.

Abel Losada quixo "apelar á prudencia" dos condutores tras este verán, pois "chega o inverno, as condicións do firme empeoran, con menos visibilidade e, por tanto, cun risco obxectivo maior, sen ningunha dúbida".

En relación coa velocidade, segue sen control conducir por encima dos límites permitidos é o motivo de denuncia que máis creceu este verán, demostrando que aínda queda moito por traballar na materia e que a DXT e o subsector de Tráfico exercen un férreo control sobre esta situación. "Están a pé de obra", resumiu Losada.

Ademais, quixo chamar a atención sobre o feito de que o subsector de tráfico no verán, ademais de asumir os labores de denuncia e control do tráfico, asume infinidade de festas ou probas deportivas e os "danos colaterais do lecer dos cidadáns", que "indubidablemente obrigan a desdobrarse".

Así, no verán impuxéronse un total de 15.904 denuncias, un 28% máis que o verán anterior, pero ese aumento é significativamente superior no caso do exceso de velocidade, que derivou en 10.344 denuncias, un 46% máis.

"A verdade é que é preocupante porque o exceso de velocidade, xunto coas distraccións, son as dúas causas fundamentais dos accidentes de tráfico", sinalou Losada.

Tamén centrándose nos motoristas. Entre estes condutores, "a infracción fundamental é o exceso de velocidade", con 217 denuncias entre xullo e agosto.

Antonio Pérez Piteira, Abel Losada e Paula YuberoSubdelegación do Goberno en Pontevedra

No caso dos motoristas, houbo 768 denuncias, un 31% máis que no verán do ano pasado. Tras o exceso de velocidade, destacan as denuncias por infraccións que teñen que ver cos adiantamentos en liña continua (183) e a sinalización vertical e horizontal (148).

Pon o foco nos usuarios vulnerables, pois do cinco falecidos, dous eran motoristas e dous tiñan máis de 80 anos -faleceron nun único accidente en Silleda en xullo-. A parte positiva do balance é que todos estaban a adoptar as medidas básicas de seguridade, tanto o cinto como o casco.

En relación coas denuncias, tamén houbo incremento este verán noutro tipo de infraccións. Aumentaron un 11% as presentadas por alcoholemias positivas (1.195 en total), un 18% as de drogas (368) e un 18% por distraccións co móbil (461).

Tan só descenderon, nun 10%, as denuncias por non levar cinturón e Sistema de Retención Infantil, cun total de 457. Con todo, crceieron un 39% as realizadas por non usar casco. .

Mención especial fixo tamén ás denuncnias que tiveron repercusións penais, isto é, aos usuarios cuxa actuación implica a comisión dun delito. Tamén neste punto aumentaron con relación ao ano anterior, con 144 denuncias, un 16% máis.

A maior parte das denuncias foron por alcoholemias positivas (65), seguidas da condución sen permiso en vigor (22).