Facenda dá un prazo de seis meses aos emigrantes retornados para regularizar a súa situación

Pontevedra
02 de agosto 2014

Seis meses de prazo terán todos os emigrantes retornados que cobran unha pensión procedente do estranxeiro para regularizar a súa situación sen que haxa sanción ningunha. Devolveranse ademais todas as cantidades que cobrou en recargas e sancións a estes xubilados dende o inicio dun proceso que desatou as iras deste colectivo

Manifestación en Pontevedra dos colectivos de emigrantes retornados Mónica Patxot

Seis meses de prazo terán todos os emigrantes retornados que cobran unha pensión procedente do estranxeiro para regularizar a súa situación sen que haxa sanción ningunha. Así o anunciou este venres o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Devolveranse ademais todas as cantidades que cobrou en recargas e sancións a estes xubilados dende o inicio dun proceso que desatou as iras deste colectivo.

O Goberno, polo tanto, rectifica e aproba esta medida de carácter extraordinario, baseándose principalmente nas características destas persoas. Trátase de pensionistas de idade avanzada que teñen maior dificultade para coñecer a lexislación española por residir moitos anos no estranxeiro e que, en xeral, non teñen grandes fortunas. Todos eles percibían pensións que non declararan correctamente no IRPF.

Dende xaneiro de 2015, os contribuíntes afectados terán a oportunidade de poñerse ao corrente das súas obrigas tributarias pendentes polas devanditas rendas, ingresando o 100% da cota correspondente. Serán exonerados así de satisfacer sanción, recargas ou intereses de demora. ÿ aplicable tanto a pensionistas estranxeiros residentes en España coma a pensionistas españois que retornaron tras ser emigrantes.

Así mesmo, establécese a condonación por lei das sancións e recargas liquidadas pola Administración ao regularizar este tipo de pensións. De igual forma, para que non se vexan prexudicados aqueles contribuíntes que xa regularizaran a súa situación debendo aboar recargas, condónase por lei as citadas recargas e sancións. Todo ese diñeiro será devolto aos afectados.

OS AFECTADOS NON SE FÍAN

Tras coñecer esta medida, os afectados comezaron a valorar o anunciado polo Goberno. Desde a Plataforma do Salnés celebran que o Goberno rectifique e atenda as demandas realizadas polos emigrantes retornados galegos, tras máis dun ano de "permanentes e intensas" protestas. Con todo, consideran que estas modificacións que se farán a través da reforma fiscal "segue sendo insuficientes" e anuncian que seguirán mobilizándose.

Aseguran que con este cambio de postura, queda en evidencia que foron cobrados "indebidamente" sancións e intereses aos emigrantes retornados, un feito que consideran un "roubo dos nosos cartos". Pero lamentan que non se aclare como vai a facer a devolución deste diñeiro e esixen que se faga de oficio e a todas as persoas afectadas con carácter universal.
 
Solicitan ademais que esta medida non se aplique con carácter retroactivo e que a regularización afecte aos ingresos devengados no 2014 e non antes. Igualmente piden que se facilite a cada persoa afectada unha información "veraz, clara e individualizada" en relación coa obriga ou non de incluír nas declaracións os ingresos procedentes do estranxeiro e que as súas pensións non tributen a tipos superiores que as que son percibidas do estado español.