O hospital Montecelo incorporou un mamógrafo de última xeración que sitúa á súa Unidade de Mama á vangarda tecnolóxica.
Trátase dun equipo da marca Hologic que permite realizar probas máis rápidas, precisas e cómodas, ao tempo que optimiza o circuíto asistencial e evita exploracións innecesarias.
A principal novidade deste mamógrafo é a incorporación da tomosíntese, unha técnica avanzada que obtén múltiples imaxes da mama desde distintos ángulos.
Este sistema facilita a visualización do tecido mamario, especialmente nos casos de mamas densas, ao reducir a superposición de estruturas e axudar a descartar falsas lesións.
Outra das prestacións destacadas é a mamografía con contraste, unha opción diagnóstica especialmente útil en pacientes nas que a resonancia magnética está contraindicada. Aínda que implica unha lixeira maior dose de radiación respecto da mamografía convencional, mantense dentro dos estándares de seguridade e permite caracterizar mellor determinadas lesións, acurtando tempos de espera e reducindo a necesidade de probas complementarias.
O novo equipo tamén amplía as posibilidades á hora de realizar biopsias guiadas, tanto mediante tomosíntese como con mamografía con contraste. Isto tradúcese en mostras de tecido máis representativas e diagnósticos máis precisos. Ademais, nalgúns casos, estas biopsias poden facerse coa paciente en decúbito lateral, unha posición que mellora notablemente a comodidade durante o procedemento.
Segundo destaca o doutor David Cascallana, radiólogo da Unidade de Mama do hospital Montecelo, a incorporación deste mamógrafo supón un "salto cualitativo na capacidade diagnóstica e na calidade asistencial ofrecida ás pacientes".