Instalan arcos para desinfectar os vehículos antes de entrar no centro de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
12 de maio 2020

O sistema foi ideado, deseñado e fabricado en Ponte Caldelas polo equipo de operarios municipais. As instalacións ocupan un carril de circulación e pulverizan unha solución desinfectante ao 98% de auga. A medida foi ben acollida pola Xunta de Galicia, titular das estradas onde se instalaron estes arcos

Instalación do arco desinfectante para vehículos Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas quere destacar como o municipio con máis propostas orixinais para facer fronte o coronavirus. Se o goberno local instalara fontes desinfectantes para que a cidadanía lavase as súas mans e manter así a hixiene precisa ante a pandemia, este martes 12 pasará a ser lembrado pola veciñanza como o día en que se instalaron os arcos de desinfección para vehículos.

O arco pulveriza unha solución sobre os vehículos que pretendan acceder ao centro urbano de Ponte Caldelas. O primeiro xa se atopa instalado no acceso desde Pontevedra, á altura da rotonda de Cuñas na estrada PO-532.

O sistema foi inventado, deseñado e fabricado polo equipo de operarios municipais, coa colaboración dos concelleiros Pepe Garrido, Enrique Vidal e o alcalde Andrés Díaz.

Estes arcos ocupan un carril de circulación cunha altura de 5 metros para que tanto turismos como  camións poidan acceder sen dificultades e desinfectarse. Unha fotocélula detecta o vehículo e emite unha pulverización de hipoclorito e auga. O produto non é daniño para as carrocerías xa que o produto desinfectante atópase diluído nun 98% de auga. 

Recoméndase que ao pasar por baixo destes elementos se pechen os portelos do transporte e se reduza a velocidade ata 10 km/ h para que o produto sexa efectivo.

A idea do goberno local é que este dispositivo reforce a seguridade tanto dos habitantes como dos visitantes. Tamén está prevista a instalación dun segundo arco no acceso pola rotonda de Pazos, na PO-255.

A medida pioneira do  Concello de Ponte Caldelas foi trasladada á Xunta de Galicia, titular destas estradas, e ao xefe provincial da Axencia Galega de Infraestruturas. Segundo expón Andrés Díaz. esta idea foi ben acollida pola administración autonómica.