Localizan pezas de cerámica de luxo no castro da Lanzada

Sanxenxo
12 de xaneiro 2017

Sitúan a súa orixe arredor do século I d.C. Os obxectos estarían ligados ao sector do comercio da época romana, de modo que esta é a primeira vez que se atopa unha peza bracarense neste campo

Pulseira localizada no castro da Lanzada Deputación de Pontevedra

O equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra atopou tres pezas de cerámica bracarense e sigillata e unha pulseira de bronce nas tarefas de escavación no Campo da Lanzada, en Sanxenxo. Sitúan a súa orixe arredor do século I d.C.

Segundo informou a Deputación Provincial a través dun comunicado, no caso das pezas de cerámica, os obxectos estarían ligados ao sector do comercio da época romana, de modo que esta é a primeira vez que se atopa unha peza bracarense no Campo da Lanzada, pero as pezas sigillatas súmanse ás xa máis de mil atopadas deste mesmo estilo no lugar.

Todas as pezas de cerámica están consideradas como artigos de luxo, todas elas para un uso de mesa e non cotián, pero con algunhas diferenzas tanto no centro de produción (as sigillatas proceden da Rioxa e as bracarenses de Braga) como na súa orixinalidade (as sigillatas considéranse pezas máis orixinais, mentres que as bracarenses serían imitacións destas tanto na súa forma como nos seus elementos decorativos).

No caso da pulseira de bronce, o achado produciuse nunha zona que aínda está sendo escavada e vinculado a outros materiais datados tamén do século I d.C. Atopouse nun depósito de carbón que o equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra, a falta de podelo confirmar polo momento, cre que se podería tratar dun forno.

Dende o pasado mes de xullo, cando comezaron as escavacións na Lanzada, xa se levan atopadas máis de 15.000 pezas distintas entre as que destacan cerámicas, moedas de distintas épocas, puñais e fíbulas, entre outros obxectos. Ademais, atopáronse os corpos de catro adultos e adultas (tres corpos e o fragmento dun cranio) e outros 13 neonatos e neonatas.

Ao longo do que resta de mes vaise continuar coa escavación dunha pequena zona do Campo da Lanzada e, posteriormente, procederase a consolidar as estruturas atopadas para o traballo restante de musealización que deberá levar a cabo o Ministerio de Fomento no marco do protocolo de posta en valor dos xacementos da provincia de Pontevedra.