Luis López contrapón a "decadencia do BNG" en Pontevedra fronte ao "crecemento imparable" do PP

Pontevedra
27 de maio 2025

Para o líder provincial do PP e presidente da Deputación de Pontevedra "o Bloque ten un proxecto totalmente esgotado na cidade"

Luis López e Luisa Piñeiro

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, fixo balance este martes dos executivos municipais no ecuador do mandato facendo especial incidencia na "decadencia do BNG" na capital da provincia fronte ao "crecemento imparable" do proxecto popular.

Luis López considera que o goberno nacionalista de Pontevedra "está en franca decadencia e deterioro, como amosan os resultados en forte retroceso desde o ano 2015" e lamentou a súa "reacción desesperada" ante a labor que está a desenvolver o vicepresidente da Deputación e voceiro municipal do PP, Rafa Domínguez.

Para o líder provincial do PP e presidente da Deputación de Pontevedra "o Bloque ten un proxecto totalmente esgotado na cidade e ten pánico político a que Rafa Domínguez poña fin a tres décadas do seu goberno".

Asegura Luis López que ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e ao seu equipo "non lles preocupa para nada a xente, que por certo xa os botou da Alcaldía hai dous anos e só a salvaron polo PSOE".

Nesta liña, indicou que o goberno da Boa Vila "está máis feble ca nunca" e sostivo que o goberno en minoría de Lores "se adica exclusivamente a sobrevivir, non a gobernar".

PROVINCIA

Ademáis de Pontevedra, o presidente provincial afirmou que "presentan graves problemas de gobernabilidade" outros concellos como Vilagarcía, Redondela, Cangas, Tui, Cambados, O Grove, Caldas, Salceda, Silleda, A Illa, Cuntis, Forcarei, Pazos de Borbén, Rodeiro e Agolada.

Luis López denuncia a "forte inestabilidade" en estes 16 concellos da provincia con "gobernos rotos, divididos ou febles" polos pactos PSOE-BNG e contrapón a xestión das 27 alcaldías do PP.

Nesta comparecencia, na que Luis López estivo acompañado pola secretaria xeral do PP de Pontevedra Luisa Piñeiro, o presidente provincial tamén lamentou que as "leas internas, polémicas e loitas de egos" provoquen a "crise" en 16 municipios e prexudiquen a 266.928 veciños "que están desatendidos mentres asisten ao esperpento diario dos multipartitos".

López cre que esta situación xurde de acordos "que non están pensados nos cidadáns, só en que non goberne o PP" e anunciou que o seu partido "non vai deixar desamparados a estes veciños de cara ao 2027", cando terán lugar as vindeiras eleccións municipais.