Madamas e Galáns percorrerán este domingo Bértola, Figueirido, Postemirón, Paredes e as Salinas do Ulló

Vilaboa
05 de febreiro 2026

E este domingo, Vilaboa volverá sentir o vibrante latexo do Entroido de Cobres, consolidando o seu lugar como un dos entroidos máis admirados, dentro e fóra de Galicia

Entroido en Cobres 2025 Concello de Vilaboa

Este domingo, Vilaboa converterase nun auténtico espectáculo de cores, música e tradición coa presentación polas parroquias do Entroido de Cobres, unha celebración centenaria que cada ano fai do municipio un escenario único de emoción colectiva.

A cita chega nun momento especialmente simbólico, despois de que o pasado ano as madamas e galáns do entroido traspasaron por primeira vez as fronteiras da península ibérica para participar no Festival Identidades de Fonni, en Cerdeña.

Alí levaron consigo a estética, o simbolismo e a delicadeza dunha das festas máis singulares de Galicia, abrindo así a porta á proxección internacional desta tradición. Todo apunta a que 2026 continuará ampliando horizontes.

As súas danzas e melodías, únicas entre os entroidos tradicionais, levaron á comitiva por unha intensa axenda de promoción cultural que os levou ata Oropesa del Mar, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, o Desfile da Máscara Ibérica en Oporto, o encontro dos Xerais do Ulla en Angrois, a Foliada Eferro en Merza, o Desfile de Entroidos Tradicionais en Santiago e o I Encontro de Entroidos do Sur de Pontevedra en Bueu.

Cada parada foi unha oportunidade para reafirmar o valor patrimonial dun entroido que combina estética refinada, coreografía propia e unha identidade colectiva profundamente arraigada na memoria da veciñanza.

Co bagaxe destas experiencias, o regreso ás parroquias de Vilaboa adquire un carácter de festa e recoñecemento.

Este domingo, a comitiva percorrerá o municipio co seguinte horario: ás 11:00 horas na Capela de Santa Marta de Bértola, ás 12:00 na Casa da Cultura de Figueirido, e ás 13:00 no Campo da festa de Postemirón. Xa pola tarde, o desfile continuará ás 16:00 na Carretera Vella de Paredes e finalizará ás 17:00 nas Salinas do Ulló.

Será un encontro directo coa xente, unha oportunidade para compartir ilusión e anunciar que o Entroido xa está aquí. Pero, sobre todo, un recordatorio de que esta tradición vive grazas ao compromiso das familias, das agrupacións culturais e de todas as persoas que manteñen viva unha das xoias do patrimonio inmaterial galego.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en