Marín iniciará en abril a campaña de rozas dos camiños do rural

Marín
17 de marzo 2021

Así o anunciaron os concelleiros de Medio Ambiente e de Medio Rural, Marián Sanmartín e Pablo Novas. A planificación dos traballos responderá a criterios de necesidade, considerando o calendario festivo da localidade, a tempada alta de praias e a prevención de incendios

Roza de maleza por parte de integrantes da Fundación Juan XXIII en Marín Concello de Marín

Coa chegada da primavera, Marín comezou a planificar a súa campaña de roza de todos os viarios das parroquias do rural. Estes traballos comenzarán en abril.

Así o anunciaron os concelleiros de Medio Ambiente e de Medio Rural, Marián Sanmartín e Pablo Novas, que mantiveron una reunión cos representantes da Fundación Juan XXIII.

Para a realización destes traballos o Concello contará cunha brigada de rozas a pé da entidade social, que realizará os labores nos camiños e viarios de paso estreito aos cales non se pode acceder co tractor rozador.

A planificación dos traballos responderá a criterios de necesidade, considerando o calendario festivo da localidade, a tempada alta de praias e a prevención de incendios.

Ademais dos traballos de roza manual e dos traballos co tractor municipal, o Concello contratará os traballos de roza mecánica en todos os viarios de titularidade municipal, debido ao crecemento rápido da vexetación na época primaveral e para garantir a seguridade viaria.