A solidariedade instálase no número 14 da rúa García Camba de Pontevedra. Nese local comercial a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) inaugurará este mércores o seu xa tradicional Mercadiño Solidario, que este ano alcanza o seu 32ª edición.
Máis de 70 persoas voluntarias colaboran neste Mercadiño que permanecerá aberto de luns a sábado, en horario de 10:30 a 13:30 horas e 17:30 a 20:30 horas, ofrecendo unha ampla variedade de artigos perfectos para adiantar as compras do Nadal.
Libros, complementos, pezas de decoración e agasallos únicos —a partir dun euro— encherán os andeis deste espazo que combina a ilusión por agasallar co compromiso social.
Ademais, o público atopará unha zona informativa onde poderá coñecer de primeira man os programas e servizos gratuítos que a AECC ofrece a pacientes oncolóxicos e ás súas familias.
Na pasada edición, o Mercadiño logrou recadar 24.934 euros, unha cifra que a Asociación destina integramente a continuar o seu labor de acompañamento ás persoas con cancro, impulsar campañas de prevención e financiar proxectos de investigación cun ambicioso obxectivo común de alcanzar o 70% de supervivencia en cancro para o ano 2030.
Quen desexen colaborar doando artigos poden facelo directamente no local unha vez aberto ou chamando ao teléfono 747 781 350.
Desde a organización lembran que non se recollerán pezas de roupa, calzado nin enciclopedias.
Trátase dunha cita xa imprescindible no calendario solidario pontevedrés que demostra, ano tras ano, que cada pequeno xesto suma na loita contra o cancro.