Mulleres da historia viva de Poio inspiran a escolares nas aulas

Poio
11 de marzo 2026

O alumnado dos cinco colexios do municipio coñece de primeira man a traxectoria de cinco veciñas homenaxeadas pola súa relevancia social e laboral

'Mulleres que fan Poio' nos colexios Concello de Poio

As aulas de Poio están a ser durante estes días un espazo de aprendizaxe sobre a memoria local e a igualdade, dentro das actividades do 8M.

A iniciativa municipal "Mulleres que fan Poio" traslada esta semana as historias de cinco veciñas aos centros de ensino do concello, utilizando como fío condutor a narración oral de Kike Mauricio, as ilustracións de Tania Solla e a música de Alba Faro.

A programación, que abrangue os cinco colexios do municipio, procura que os escolares identifiquen referentes próximos baseados na constancia e no vínculo comunitario.

Neste marco, o alumnado do CEIP de Lourido recibiu este mércores 11 a Carmen Soto, quen compartiu a súa experiencia vital desde os inicios no traballo do campo ata a xestión do seu propio negocio.

En paralelo, Rosalina Gómez visitou o CEIP de Chancelas para dar a coñecer a súa traxectoria como celadora e a súa posterior etapa vinculada ás artes escénicas e ao activismo solidario.

O proxecto recolle perfís diversos que ilustran a evolución social da comarca e a diversidade laboral feminina.

Entre as historias narradas ao alumnado figuran a de Magdalena Rosales, vinculada desde a infancia ao esforzo nas bateas e na venda de peixe; Susa Vicente, recoñecida como a redeira de máis idade de Poio e exemplo de superación no sector marítimo; e Mari Carmen Pazos, cunha vida dedicada a distintos oficios e ao impulso do movemento veciñal no Vao.

Representantes do goberno local, encabezados polo alcalde Ángel Moldes, acompañaron nas sesións para salientar a importancia de que a mocidade conte con modelos de conduta baseados no esforzo e no compromiso social.

Sesión de 'Mulleres que fan Poio' nos colexiosConcello de Poio

 

Arquivado en