Nova sinalización para marcar a Variante Espiritual do Camiño Portugués

Poio
02 de maio 2021

O proxecto, subvencionado a través dunha achega da Deputación de Pontevedra, contempla a dotación de 20 sinais direccionais, ademais de dous paneis informativos que se emprazarán en lugares estratéxicos do municipio

Silvia Díaz, concelleira de Turismo, na Seca Concello de Poio

A Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago é o roteiro que enlaza parte do Camiño Portugués e o Roteiro do Mar percorrendo parte do municipio de Poio e cada vez son máis as persoas que peregrinan por este  itiinerario. Por este motivo, a concellería de Turismo, que asume Silvia Díaz, quere impulsar unha mellora da senda cunha renovación da sinalización.

A través dunha achega de ao redor de 6.700 euros procedentes da Deputación de Pontevedra, a empresa  Novacondria levará a cabo estes traballos, despois de que a Xunta de Goberno do Concello de Poio aprobase esta actuación en abril.

Desta forma instalaranse 20 sinais  direccionales en distintos puntos desta Variante Espiritual, que parte desde o municipio de Pontevedra ata A  Armenteira, pasando por zonas de Poio que permiten visitar o Mosteiro de San Xoán, a fachada costeira da Seca ou o centro histórico de Combarro.

Utilízase a imaxe doutras localidades polas que pasa a Variante cun deseño realizado pola Mancomunidade do Salnés. Tamén se instalarán dous paneis informativos para facilitar datos sobre este roteiro tanto a visitantes como residentes en Poio. Silvia Díaz entende que se trata dun reclamo turístico moi importante como se comprobou antes da pandemia cun incremento de peregrinacións que chegaron a máis de 8.500 persoas durante 2019.