Nove psicólogos da AECC ofrecerán terapia psicolóxica e desafogo emocional en Pontevedra

Pontevedra
31 de marzo 2020

Este apoio psicolóxico pretende facer fronte aos altos niveis de angustia que a pandemia do COVID-19 e o confinamento poden xerar en moitas persoas, xa sexa porque están infectados polo coronavirus, porque teñen a algún familiar enfermo, porque perderon a algún membro da familia por mor deste virus ou ben porque son coidadores de persoas maiores

Psicóloga da AECC que colaborará no servizo de desafogo emocional
Psicóloga da AECC que colaborará no servizo de desafogo emocional / Concello de Pontevedra

Nove profesionais da psicoloxía, experimentados colaboradores da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), axudarán a atender o servizo de terapia psicolóxica e desafogo emocional que puxo en marcha o Concello de Pontevedra polo estado de alarma do coronavirus.

Este apoio psicolóxico pretende facer fronte aos altos niveis de angustia que a pandemia do COVID-19 e o confinamento poden xerar en moitas persoas, xa sexa porque están infectados polo coronavirus, porque teñen a algún familiar enfermo, porque perderon a algún membro da familia por mor deste virus ou ben porque son coidadores de persoas maiores.

Os dous teléfonos activados dende o inicio do estado de alarma para atender ás persoas maiores e con mobilidade reducida que viven soas (986 85 03 98 e 986 84 83 34) serán os que canalicen estas chamadas e, posteriormente, vanse a derivar a estes psicólogos os casos nos que estimen necesaria a súa axuda.

Esta terapia psicolóxica e de desafogo emocional permite, segundo a edil de Benestar Social, Paloma Castro, atender ás necesidades da poboación máis vulnerable ante una situación que "non resulta psicoloxicamente sinxela de afrontar para ninguén".

A situación actual é, engadiu a concelleira socialista, "especialmente difícil " para os que atravesan loitos, os que padecen enfermidades crónicas e teñen medo ao contaxio e as coidadoras de persoas maiores, que temen contaxiar ou seren contaxiados.

Os psicólogos da AECC teñen, recorda Castro, unha "ampla experiencia" para tratar este tipo de situacións de ansiedade e estrés e que, ademais, no caso de Pontevedra, conta cun dos mellores equipos de atención psicosocial para atender pacientes de cancro e ás súas familias.

Esta colaboración súmase ao traballo de psicólogos, traballadores sociais e coordinadores de voluntariado da asociación contra o cancro de Pontevedra que, desde o primeiro día, atenden as demandas de doentes de cancro e das súas familias a través do teléfono gratuíto Infocáncer as 24 horas (900 10 00 36) e doutras canles remotas.

Ademais de atender dende as súas casas mediante videoconsultas, prestan asistencia aos casos de emerxencia que non se poden realizar por outros medios (como o préstamo de camas articuladas, cadeiras, andadores, grúas ou vales de alimentos), respectando sempre as recomendacións e obrigas emitidas polas autoridades sanitarias.

Nestes momentos, os 24 voluntarios de misión da AECC de Pontevedra, que é o que mantén un contacto máis directo con pacientes e que viña desempeñando a súa actividade en hospitais e domicilios, está a formar tándem co equipo de psicólogos, conseguindo ofrecer un elevado nivel de cobertura ás persoas que soliciten este servizo.