O espírito de PortAmérica reforesta os montes de Portas

Umia
13 de febreiro 2022

Arredor de 250 persoas voluntarias sumáronse á iniciativa 'Unha entrada, unha árbore', que supuxo a plantación de 300 árbores en Outeiro Grande, nos montes de Lantaño, para compensar as emisións de CO2 xeradas durante o festival 

Reforestación dos montes de Lantaño dentro de PortAmérica
Reforestación dos montes de Lantaño dentro de PortAmérica / Concello de Portas

O espírito do festival PortAmérica trasladouse este sábado aos montes de Lantaño, en Portas, e axudou a reforestalos. Arredor de 250 persoas voluntarias sumáronse á iniciativa pola que as entradas ao evento musical se converten en árbores.

Esta iniciativa medioambiental, 'Unha entrada, unha árbore', traduciuse na plantación de 300 árbores en Outeiro Grande, nos montes de Lantaño, segundo a información facilitada polo Concello de Portas, que colaborou activamente na cita. 

Ademais das 250 persoas voluntarias, participaron membros das brigadas forestais da Xunta de Galicia, que asesoraron aos participantes no proceso de plantación de carballos, castiñeiros, arces, cereixos, alcornoques, abeleiros, nogais e freixos, entre outras especies.

Esta plantación pretende servir para compensar as emisións de CO2 xeradas durante a realización do festival (que terá lugar os días 2, 3 e 4 de xuño en Portas e Caldas de Reis), así como servir de franxa de protección fronte a incendios e incrementar a biodiversidade na zona.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o tenente de alcalde Alfonso Vázquez e a concelleira Ana María Peña participaron activamente na cita este sábado.